A conselleira do Mar clausurou un dos cursos que permite a consecución deste permiso

A Xunta facilita a obtención do certificado sanitario esixido polo ISM para poder enrolase

Cun custe cero para os pósitos, a iniciativa do Goberno galego permite dar solución á problemática xerada debido a que os centros habilitados polo ISM non dispoñen de praza ata dentro de varios meses

Este esforzo da Consellería permitiu en 2025 a capacitación de 197 traballadores

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 25 de setembro do 2025

A Xunta de Galicia téndelle a man á confrarías que manifestaron dificultades para obter o certificado sanitario esixido polo Instituto Social da Marina (ISM) para poder despachar e enrolarse nunha embarcación. Precisamente, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, clausurou na Pobra do Caramiñal un dos cursos, promovidos por este departamento, e que permiten a obtención deste permiso e, por tanto, ser parte da solución á problemática xerada por mor de que os centros habilitados polo organismo estatal non dispoñen de prazas libres ata dentro de varios meses.

Cunha duración de 22 horas, esta acción permite obter este certificado de especialidade, que ten unha validez de cinco anos. En total, e grazas á colaboración do Goberno galego, cun custe cero para os participantes, xa se levan impartidos 13 cursos deste tipo no que vai de ano, o que permitiu a capacitación de 197 traballadores.

A Xunta de Galicia, a través do departamento que dirixe Villaverde favorece o desenvolvemento desta iniciativa, a pesares de non ser da súa competencia, e faino, segundo indicou a propia conselleira, no marco do esforzo que se está a levar a cabo para contribuír á profesionalización dos traballadores do mar e facilitar o embarque dos tripulantes.

A Consellería do Mar inviste este ano 12,3 millóns de euros para reforzar a rede de centros galegos e profesionalizar o sector, convertendo Galicia nunha referencia estatal neste ámbito. Esta estratexia busca garantir o relevo xeracional, atraer novos profesionais e asegurar a competitividade e sostibilidade do sector marítimo-pesqueiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025