O IGE publica o módulo específico da Enquisa estrutural a fogares dedicado a coñecer o grao de benestar dos galegos maiores de 16 anos no ano 2024

Mellora a satisfacción dos galegos coa súa vida e a percepción sobre a súa saúde

Case tres cuartas partes dos residentes en Galicia puntúan por riba dun 7 a súa satisfacción vital, cunha media de 7,31 en 2024

Aumenta a porcentaxe dos que valoran o seu estado de saúde como bo ou moi bo en case 4 puntos desde o 2019

Máis do 60 % manifestou sentirse feliz sempre ou case sempre

O 80 % séntese bastante ou moi seguro ao camiñar pola rúa de noite, seis puntos máis que no 2019

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025

A satisfacción dos galegos coa súa vida e a percepción sobre a súa saúde mellora respecto aos datos do ano 2019 segundo a última enquisa do Instituto Galego de Estatística.

O IGE vén de publicar o módulo específico da Enquisa estrutural a fogares dedicado ao estudo do capital social para o ano 2024, unha operación dedicada a coñecer o grao de benestar dos galegos maiores de 16 anos. Esta enquisa xa se realizou previamente nos anos 2014 e 2019, cuxos datos completos e actualizados poden consultarse na web do IGE.

No 2024, o grao de satisfacción dos galegos e galegas coa súa vida foi de 7,31 nunha escala de 0 a 10, sendo 0 nada satisfeito/a e 10 plenamente satisfeito/a, puntuando por riba de 7 o 73,71 % dos enquisados. Xeograficamente, a cidadanía de Lugo Oriental (A Fonsagrada, Os Ancares e Sarria) e Ourense Sur (A Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana) son os que máis satisfeitos están.

Estas cifras amosan unha melloría continuada respecto ao ano 2014, no que a media de satisfacción foi de 6,74 e o 59,82 % puntuaron por riba de 7, e 2019, cunha media de 7,15 e unha porcentaxe de 68,36.

Outros compoñentes que tamén forman parte da enquisa son a calidade das relacións persoais dos residentes na nosa comunidade, preguntas sobre solidariedade e comportamento cidadá, o grao de confianza nas persoas e institucións ou os principais problemas das vivendas. 

Estado de saúde e emocional

A enquisa tamén revela información sobre a percepción dos residentes na comunidade autónoma de Galicia do seu estado de saúde e emocional. Así, o ano pasado, o 64,1 % dos galegos valoraron o seu estado de saúde como bo ou moi bo, mellorando en case 4 puntos as cifras do ano 2019, 60,19 %, e case 8 as do 2014, 57,33 %.

En canto ao estado emocional dos galegos, o 60,86 % manifestou sentirse feliz sempre ou case sempre durante as catro semanas previas á entrevista. Unha cifra que de novo mellora o dato do ano 2019, que foi do 59,16 %, e 2014, do 57,12 %.

Seguridade pola rúa

Outro dos datos que se poden extraer dos datos achegados polo IGE refírese ao nivel de seguridade que senten os galegos ao camiñar sós de noite por onde viven. Neste senso, o 80,37 % da poboación declara sentirse bastante ou moi segura nesta situación, unha cifra que mellora a do ano 2019, que foi do 74,35 %, e a do 2014, do 72,74 %.

 

2014

2019

2024

Satisfacción coa súa vida (valoración media 0-10)

6,74

7,15

7,31

Satisfacción coa súa vida (% por riba de 7)

59, 82 %

68,36 %

73,71 %

Estado de saúde (bo ou moi bo)

57,33 %

60,19 %

64,1 %

Estado emocional (sempre ou case sempre feliz)

57,12 %

59,16 %

60,86 %

Seguridade na rúa de noite (bastante ou moi seguro/a)

72,74%

74,35 %

80,37 %

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2025