A Xunta destaca o persoal voluntario de Protección Civil como piar na prevención e atención ás emerxencias
O director xeral de Emerxencias e Interior participou nas xornadas de convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Pontevedra, onde sinalou o apoio do Goberno galego a estes colectivos con axudas ao funcionamento e dotación de material
Salceda de Caselas (Pontevedra), 27 de setembro de 2025
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na xornada de convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia de Pontevedra, onde sinalou a importancia deste persoal na prevención de riscos e na atención ás emerxencias, labores nas que son “un piar fundamental”. Incidiu tamén na xenerosidade e entrega que demostran os membros destes colectivos e eloxiou o seu traballo “a prol da seguridade e benestar da poboación, tanto en eventos extraordinarios como no día a día”.
Na súa intervención, Santiago Villanueva referiuse ao compromiso do Goberno galego con estas entidades a través de diferentes medidas de apoio. Entre elas está a orde de axudas destinada a financiar os gastos de AVPC, que neste exercicio incrementou a dotación de 340.000 a 370.000 euros, e da que se beneficiaron 30 colectivos de Pontevedra con contías que suman case 61.700 euros.
Ademais, a Xunta dá apoio específico para a dotación de material, que supuxo nos últimos anos un investimento de case 15,4 millóns de euros no conxunto de Galicia e a entrega de máis de 1.500 dotacións, como vehículos, embarcacións, equipos de excarceración ou kits de ferramentas, entre outros.
Precisamente neste marco do compromiso continuado coa dotación de medios para mellorar a capacidade operativa das agrupacións de voluntarios de protección civil, a través da orde de concesión de material de 2025, cederanse 35 kits de material loxístico de seguridade viaria, 32 kits de ferramentas eléctricas para a atención a emerxencias e 10 tendas de campaña para emerxencias a concellos galegos que conten con AVPC.
Santiago Villanueva referiuse tamén a outros apoios, como o formativo, con cursos específicos para este persoal impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública, ou a posta en marcha da nova plataforma informática (SIPROC), que facilita a comunicación das AVPC e os voluntarios coa Xunta. A plataforma permite prestarlles un maior e máis efectivo apoio ás AVPC, xa que é posible coñecer en todo momento a súa composición, formación, recursos dispoñibles e o seu estado, operativos desenvolvidos e ademais permitirá ter información de primeira man da evolución das emerxencias.