Román Rodríguez sinala o reforzo da competencia matemática como unha das prioridades deste curso

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, inaugurou hoxe a xornada de formación para o profesorado Matemáticas activas para mentes curiosas. Este encontro forma parte do Plan anual de formación do profesorado, que este ano medra nun 10% con fincapé no reforzo, entre outras áreas, das matemáticas. “Estas competencias son unha das prioridades deste curso, co obxectivo posto en achegar esta disciplina ao alumnado a través dun enfoque práctico”, sinalou o representante da Xunta.

Esta xornada de formación conta con dúas conferencias, dúas charlas e dez obradoiros prácticos a cargo de especialistas, centrados en novas metodoloxías de ensino que buscan estimular a curiosidade e mellorar a aprendizaxe. Román Rodríguez agradeceu aos máis de 200 asistentes a súa participación e o seu “compromiso coa formación do noso alumnado, que conta cun bo nivel “pero que cómpre mellorar”. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2025