A Xunta participa no proxecto europeo ‘REHEAL’ de compra pública innovadora no ámbito da subministración de produtos sanitarios
O Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde participan nun novo proxecto europeo para a adquisición de solucións innovadoras
O proxecto, liderado pola Universidade de Edimburgo terá unha duración de 4 anos e un orzamento total de 7,3 millóns de euros
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2025
O Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) veñen de participar na sesión inaugural do proxecto europeo de Compra Pública Precomercial REHEAl, unha iniciativa que, liderada pola Universidade de Edimburgo, ten por obxectivo potenciar a adquisición de solucións sanitarias innovadoras no ámbito das cadeas de subministro circulares.
O Proxecto REHEAL combinará coñecementos sanitarios e tecnolóxicos co acceso a Living Labs e instalacións seguras de datos sanitarios para poder probar e testar na vida real das solucións e doutras innovacións que se desenvolvan neste proxecto.
Así, despregarase unha programa para codeseñar e pilotar solucións innovadoras de cadea de subministración inversa con 20 fabricantes e provedores sanitarios. Ademais, tratarase de contar coa participación de máis de 20 sistemas sanitarios ampliando o seu impacto en toda Europa.
A Universidade de Edimburgo coordinará po proxecto e terá como socios, ademais do Servizo Galego de Saúde e a ACIS, ao Servizo Nacional de Escocia (NSS), ao Goberno Escocés (Reino Unido), á rexión de Hovedstaden (Dinamarca), á Fundación Clúster de Ciencias da Vida Cracovia – KLSK (Polonia), ao Hospital MITERA (Grecia), e ao consorcio europeo EIT Digital. Deste xeito, representará a 261 hospitais e centros sanitarios, a uns 300.000 profesionais sanitarios e a preto de 17 millóns de cidadáns.
A sanidade pública galega representa na actualidade un referente europeo na compra pública innovadora, con experiencia no eido da metodoloxía de Living Labs. Así, Galicia posicionase como axente clave para colaborar en proxectos europeos de innovación sanitaria, facilitando unha implantación de solucións pioneiras centradas nas necesidades de profesionais e pacientes.