O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, supervisaron esta mañá na residencia Porta do Camiño de Santiago de Compostela o inicio da campaña de inmunización
A Xunta inicia a campaña de vacinación da gripe e da covid-19 nos centros sociosanitarios da comunidade
Entre as novidades da nova campaña destacan a vacinación con doses de alta carga ás persoas maiores de 70 anos, a ampliación da vacina intranasal da gripe aos nenos de ata 11 anos e a posta en marcha dun programa piloto de vacinación escolar
A nova campaña de inmunización estenderase ata o vindeiro 31 de decembro e desenvolverase dun xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade
Galicia é líder en taxas de vacinación fronte á gripe no caso das persoas maiores de 65 anos, acadando o 71 % de cobertura fronte ao 58,4 % de media en España
O Executivo galego convida ao conxunto da poboación galega a vacinarse co obxectivo de reducir a incidencia da gripe e da covid-19 na comunidade e así previr os seus efectos na saúde da poboación
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitaron está mañá a residencia Porta do Camiño de Santiago de Compostela para supervisar o inicio da campaña de vacinación fronte á gripe e a covid-19 para os usuarios dos centros residenciais. Os conselleiros estiveron acompañados da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, do director xeral de Maiores e Atención Sociocomunitaria, Antón Acevedo, e do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio.
A campaña de vacinación deseñada pola Xunta estenderase ata o vindeiro 31 de decembro e desenvolverase dun xeito progresivo, segundo os distintos colectivos e grupos de idade, ata acadar ao conxunto dos grupos de poboación diana.
A primeira das fases de inmunización comeza hoxe coa administración da vacina antigripal reforzada aos usuarios das residencias de maiores e dos centros de persoas con discapacidade da comunidade. O departamento sanitario da Xunta introduce este ano como novidade a ampliación das doses de alta carga aos maiores de 70 anos, tras os bos resultados acadados no ensaio clínico Galflu. A partir de hoxe inmunízase tamén ao persoal que traballa nestes centros.
A partir do 13 de outubro a campaña de inmunización continuará coa vacinación dos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 meses e os 11 anos.
Neste caso, a vacinación infantil introducirá dúas novidades: por unha banda, a ampliación da vacina da gripe por vía intranasal aos nenos de entre 24 meses e ata os 11 anos; e, pola outra, a posta en marcha dun programa piloto de vacinación escolar coa aplicación desta vacina nos propios centros educativos.
Así, o alumnado de 55 centros educativos participará nun programa que ten por obxectivo chegar a 19.000 nenos de entre 3 e 11 anos (nados entre 2014 e 2022). Para o resto de nenas e nenos de 6 meses a 11 anos, a vacinación facilitarase no seu centro de saúde.
Dun xeito cronolóxico, a campaña continuará o 20 de outubro coa vacinación de diferentes grupos de poboación: persoas de 70 e máis anos, persoas en situación de inmunosupresión e o persoal sanitario e dos servizos de urxencias da comunidade.
A partir do 3 de novembro comezará a quenda de inmunización das mulleres embarazadas e tamén das persoas menores de 60 anos que padezan algunha patoloxía de risco.
Unha semana despois, desde o 10 de novembro, será a quenda das persoas con 60 e máis anos, do persoal de servizos esenciais, así como de aquel persoas con exposición laboral.
O cronograma completarase a partir do 1 de decembro coa vacinación dos convivintes de persoas de risco e do resto da poboación.
A comunidade galega destaca como líder nas taxas de cobertura, tanto no caso da gripe como da covid-19. Así, a taxa de vacinación da gripe en maiores de 65 anos en Galicia acadou o 71 % de cobertura, fronte ao 58,4 % en España.
A Xunta convida ao conxunto da poboación galega a vacinarse fronte á gripe e a covid-19 co obxectivo de reducir a súa incidencia na comunidade e así previr os seus efectos na saúde da poboación.