Rueda destaca que a Formación Profesional consolida o seu liderado cun novo récord histórico de matriculados ao superar os 71.200 alumnos este curso

Salienta que a matrícula medra en todas as modalidades de FP, en todas as provincias e tanto nas cidades coma no rural

Sinala que Galicia conta este curso con máis do dobre de alumnos en FP que no curso 2008/09

As titulacións de alta especialización, exclusivas de Galicia, así como os másteres de FP, lideran o incremento de matrículas cunha suba do 30% e do 24,5% respectivamente

Os ciclos de grao superior son as que concentran o maior número de estudantes, co 54,3% das matrículas, aínda que tamén medran os ciclos medios e a FP básica

A modalidade dual Intensiva, onde a relación coa empresa é aínda máis estreita, incrementa un 14,6% o número de estudantes matriculados

As novas vías de FP básica para adultos e FP adaptada para colectivos vulnerables, que arrancan de xeito experimental este curso, enchen as prazas ofertadas

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que Galicia acadou este curso un novo récord histórico de alumnos en Formación Profesional con máis de 71.200 matriculados, o que supón un incremento do 3,5% (2.406 estudantes máis) con respecto ao ano pasado, e máis do dobre que no curso 2008/09 (34.746 matriculados).

Tal e como explicou Rueda, o informe sobre a matrícula elevado hoxe ao Consello, revela que o crecemento de matrículas é un éxito xeneralizado “en todas as modalidades, provincias e ámbitos, tanto nas cidades coma no rural”.  Un incremento froito da aposta da Xunta por “axeitar a oferta formativa á demanda do mercado”, o que fai que estas ensinanzas estean a vivir unha “revolución silenciosa”, indicou.

Non en balde, tras o reforzo da tecnificación e a alta cualificación a través de propostas como os másteres de alta especialización, este  curso dáse un novo chanzo na formación á carta coa implantación das formacións aceleradas, unha vía formativa exclusiva de Galicia, rápida e concentrada en tres ou catro; a FP básica para adultos, dirixida á recualificación de persoas que no seu día abandonaron os estudos e precisan formarse de novo, e a FP básica adaptada, deseñada para os colectivos vulnerables, de xeito que estas persoas permanezan no sistema educativo máis aló das etapas obrigatorias de formación.

Maior demanda de graos superiores e alta especialización

Aínda que medran todas as modalidades formativas, os ciclos de grao superior son os que concentran o maior número de estudantes, con 37.834 matriculados (o 54,3% do total de alumnos na FP galega), o que supón 960 persoas máis que o pasado curso. Nos ciclos formativos de grao medio hai 26.254 persoas matriculadas (3,8% máis) e 5638 persoas nos ciclos formativos básicos (un aumento do 4%).

Ademais, seguen afianzándose “as titulacións de alta especialización, exclusivas de Galicia,” así como os másteres de FP. No primeiro dos casos, este tipo de formacións acadan este curso un incremento do 30% entre as 31 titulacións deste tipo ofertadas. Trátase de titulacións exclusivas de Galicia que foron deseñadas atendendo a unha demanda específica por parte do sistema produtivo co deseño de propostas ad hoc e que este ano foron especialmente reforzadas por parte da consellería.

O mesmo acontece cos másteres de FP, cuxa matrícula volve incrementarse este ano tamén cunha suba da demanda do 24,5%, así como a modalidade de FP dual intensiva, que acada un incremento de matriculados do 14,6%.

Boa acollida da FP básica de adultos e da FP adaptada

Rueda tamén salientou “a boa acollida” que tamén se constata nas novas vías formativas implantadas por primeira vez este curso ao abeiro do Plan FPGal360 de orientación profesional, pensadas para as persoas que no seu día abandonaron os estudos e que hoxe queren recualificarse, así como para que os colectivos vulnerables permanezan no sistema educativo formándose máis aló da etapa obrigatoria.

No primeiro dos casos circunscríbese a FP básica para adultos, que se estrea con 34 alumnos no ciclo Básico de Mantemento de Vehículos, a razón de 20 do CIFP Ferrolterra (onde se cubriron a totalidade das prazas ofertadas) e outros 14 no Centro de Educación e Promoción de Adultos EPAPU Berbés en Vigo.

No caso da FP adaptada para colectivos vulnerables, estréase no centro do Berbés con 11 persoas cursando o programa formativo básico de Comercio. 

Así mesmo, estréanse as primeiras 162 persoas nas formacións aceleradas da quenda de setembro a xaneiro, unha vía tamén innovadora este ano e, por isto, aínda non tan coñecida. A finais de ano abrirase a matrícula para a segunda quenda destas formacións, que se corresponde ao período xaneiro-xuño.

Estas formacións aceleradas son proposta pioneira e exclusiva de Galicia de formación rápida concentrada nun período de entre catro e seis meses de duración. A súa finalidade é mellorar a cualificación das persoas e abrirlles as portas ao mercado laboral en sectores que precisan profesionais para traballar.

Demanda alcista no rural e en todas as provincias

No que atinxe á distribución territorial, cómpre destacar que o reforzo da oferta de FP no rural se reflicte nun incremento de matrícula do 4,5%, ata acadar as 8.115 persoas matriculadas. Esta suba vai parella co deseño dunha oferta obxectiva, realista, actualizada e axustada ás necesidades do eido rural, onde este ano os estudantes puideron escoller entre un total de 8.230 prazas, 599 máis que o pasado ano. Nas zonas urbanas rexistráronse 63.114 matrículas, cun aumento do 3,4%.

A matrícula aumenta tamén en todas as provincias a razón de 31.216 persoas matriculadas na Coruña (+3,3%), 7.282 en Lugo (+4,1%), 6565 en Ourense (+5,1%) e 26.166 en Pontevedra (+3, 1%).

Atendendo ás áreas territoriais, a que máis medra é a de Lemos-Chantada-Quiroga (+8,2%), seguida da de Pontevedra (+7,4%) e Valdeorras-Trives-Caldelas-Viana (+7%).

Así pois, Galicia continúa avanzando na consolidación dun modelo educativo propio onde a igualdade de oportunidades, independentemente de onde se viva, é un dos seus sinais de identidade.

Familias profesionais

No que atinxe ás familias profesionais, a matrícula medra en 16 do total das 25 que se poden estudiar en Galicia. As subas máis salientables son as de Seguridade e ambiente (+99,4%), Téxtil, confección e pel (+12,3%), Actividades físicas e deportivas (+11,3%) e Edificación e obra civil (+10,7%).

Non obstante, o maior número de alumnos concéntrano os ciclos da familia de Sanidade, con 10.604 persoas matriculadas, seguido do de Administración e xestión con 9.361 matrículas e Informática e comunicacións con 8.572 matriculados.

A Rede de centros integrados de FP como polo tractor

Por outra parte, a Rede de centros integrados de FP (CIFP) conformada por 28 centros (en 2009 había 9), segue a exercer de polo tractor da formación profesional en Galicia ao aglutinar 29.177 alumnos.

Isto significa que cinco de cada dez estudantes que optan pola FP elixen estes centros para cursar os seus estudos, estando á cabeza o CIFP Ánxel Casal-Monte Alto da Coruña con 2.702 matriculados, seguido do CIFP Politécnico de Lugo (1.816 matrículas), CIFP Someso da Coruña (1.635 matrículas), CIFP Manuel Antonio de Vigo (1.614 matrículas) e CIFP Portovello de Ourense (1.562 matrículas).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2025