O Servizo Galego de Saúde convoca preto de 400 prazas por concurso-oposición para o ingreso en cinco categorías de persoal estatutario sanitario e dez de xestión e servizos
Ofértanse, entre outras, 121 prazas de médico de urxencias hospitalarias
Das 111 prazas que se convocan na categoría de pinche de cociña, resérvanse 5 pola quenda de discapacidade intelectual
O prazo de inscrición remata o 14 de novembro
A Xunta convocou este ano máis de 5.300 prazas na sanidade pública
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as convocatorias de 378 prazas polo sistema de concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías do Servizo Galego de Saúde de persoal licenciado e diplomado sanitario e de xestión e servizos.
En concreto, para persoal licenciado sanitario convócanse 121 prazas na categoría de médico de urxencias hospitalarias (9 delas pola quenda de discapacidade) e 8 de médico asistencial do 061.
Para diplomados sanitarios, 27 de fisioterapeuta (2 reservadas a persoas con discapacidade), 5 de logopedista e 11 de terapeuta ocupacional (1 de discapacidade).
No estamento de xestión e servizos, ofértanse 7 prazas da categoría de calefactor, 15 de condutor (2 por discapacidade), 11 de electricista (1 de discapacidade), 8 de fontaneiro, 5 de mecánico, 17 de telefonista (2 de discapacidade), 6 de lavandeiro, 11 de pasador de ferro (1 de discapacidade), 15 de cociñeiro (1 de discapacidade) e 111 prazas de pinche de cociña (5 reservadas pola quenda de discapacidade xeral e 5 por discapacidade intelectual).
As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación por categoría, a través da Oficina Virtual do Profesional Fides. O prazo de inscrición de participación no proceso comeza o 1 de outubro e remata o 14 de novembro de 2025.
Os méritos a ter en conta na fase de concurso son os recollidos no Anexo IV da convocatoria e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas cos procesos selectivos ás unidades de validación, ás oficinas de información de cada centro ou ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.
Máis de 5.300 prazas convocadas
No que vai de ano o Servizo Galego de Saúde ten publicado a convocatoria dos procesos selectivos para 72 categorías de persoal estatutario con 5.319 prazas.
Os ditos procesos selectivos, convocados mediante o sistema de concurso-oposición inclúen, ademais das categorías publicadas no Diario Oficial de Galicia de hoxe, a categoría de enfermería con 1.980 prazas, diversas especialidades de facultativo especialista de área con 426 prazas, diversas especialidades de enfermeira especialista con 260 prazas, persoal informático superior e de formación profesional con 23 prazas, técnico sanitario con 1.411 prazas e diversas categorías de xestión e servizos con 841 prazas.