A Xunta apoia con 80.000 euros varias actuacións para a corrección de impactos paisaxísticos nos concellos de Ares, San Sadurniño e Valdoviño

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, comprobou esta mañá o resultado dos traballos de mellora do lavadoiro do Regueiro, en San Sadurniño

Esta convocatoria de axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático contou este ano cun investimento total de 2 M€, 1 M€ para intervencións promovidas por entidades locais e 1M€ para particulares

San Sadurniño (A Coruña), 30 de setembro de 2025

A Xunta inviste 80.000 euros en varias actuacións para a corrección de impactos paisaxísticos nos concellos de Ares, Valdoviño e San Sadurniño. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde desta última localidade, Secundino García, informou desta resolución durante unha visita efectuada ao lavadoiro do Regueiro, acondicionado con cargo a esta convocatoria da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

En concreto, a actuación para a que o Concello percibiu unha achega autonómica de 20.000 euros, consistiu na retirada das placas de fibrocemento, o axeitado manexo dos residuos de materiais con amianto, a instalación de novas cubertas de madeira e tella sobre as trabes e piares de formigón ou ladrillo existentes e a instalación do chan cun axeitado sistema de drenaxe.

Con estes traballos o Concello procura a diminución do impacto paisaxístico do lavadoiro, respectando os valores arquitectónicos do elemento e garantindo así unha correcta integración no entorno.

A delegada territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de apoiar aos concellos neste tipo de actuacións de conservación e lembrou que, con este fin, o Goberno galego habilitou 2 M€ este ano para continuar apoiando o desenvolvemento de actuacións de fomento do fermosismo e da protección da paisaxe en toda a comunidade autónoma -1 M€ para actuacións de Concellos e 1 M€ para melloras de particulares-.

Aneiros lembrou que no caso dos apoios a Concellos, están dirixidos aos de menos de 20.000 habitantes e contan con dúas liñas de axudas. Na primeira subvenciónanse as obras de renovación e finalización exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramentos de inmobles municipais, e na segunda as de mellora do aspecto de conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros, palcos de música, hórreos e outro tipo de equipamentos públicos.

No que respecta ás axudas a particulares, que cobren ata o 70% do orzamento subvencionable, estas poden destinarse a actuacións en fachadas, cubertas e muros de peche. Ademais tamén existe a posibilidade de financiar a retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe ou causen algún impacto nos bens nos que se pretende intervir.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2025