Belén do Campo destaca o apoio da Xunta de preto de 50.000€ na mellora do viario municipal de Eo dos Menecos en Teo
A delegada da Xunta xunto á alcaldesa de Teo supervisaron o resultado dos traballos, que permitiron renovar o firme e mellorar as condicións de seguridade e comodidade da circulación
Teo (A Coruña), 16 de outubro de 2026
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, supervisou o resultado das obras de afirmado e acondicionamento do viario municipal no lugar de Eo dos Menecos, unha actuación financiada integramente polo Goberno galego cun investimento de preto de 50.000 euros
Os traballos permitiron mellorar o estado de conservación desta vía municipal, que presentaba un pavimento envellecido e deteriorado polo uso continuado e pola acción da auga e dos axentes meteorolóxicos. Esta situación afectaba á regularidade da superficie de circulación afectando tanto para os vehículos como para os peóns.
A intervención centrouse na rehabilitación superficial do firme existente, mediante a limpeza e preparación previa da plataforma, a reparación das zonas deterioradas e a aplicación dunha rega de adherencia antes de estender unha nova capa de rodadura de asfalto cun espesor de cinco centímetros.
Así mesmo, os traballos incluíron o axuste das tapas de rexistro e doutros elementos existentes á nova rasante do pavimento, co obxectivo de garantir unha superficie de circulación uniforme e evitar resaltes ou irregularidades que puidesen comprometer a seguridade viaria. A actuación completouse coa sinalización horizontal.
Belén do Campo destacou a importancia de colaborar cos concellos para mellorar as infraestruturas de titularidade municipal e contribuír a que a veciñanza dispoña de vías en condicións axeitadas de seguridade e funcionalidade. Neste sentido, subliñou que o mantemento da rede viaria local resulta fundamental para facilitar a mobilidade diaria, garantir o acceso ás vivendas e parcelas e favorecer a prestación dos servizos municipais.
A intervención en Eo dos Menecos enmárcase na colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o Concello de Teo para mellorar as infraestruturas municipais e contribuír á prestación de servizos de calidade á cidadanía.