A Xunta defende no Foro AICS de Murcia a importancia de lexislar o uso da intelixencia artificial na administración

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participa en dúas mesas redondas xunto con responsables de dixitalización doutras CC. AA. e profesionais do Dereito

Murcia, 1 de outubro de 2025

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, defendeu hoxe o enfoque da Xunta para a aplicación da intelixencia artificial no sector público a través dunha lei que complemente o Regulamento europeo e teña en conta os riscos específicos do seu ámbito.

Cerviño interveu hoxe no Foro AICS sobre Intelixencia Artificial e Ciberseguridade que organiza a Rexión de Murcia, no que participan máis de trinta especialistas e representantes das administracións.

O responsable da Axencia galega expresou o seu rexeitamento á idea de que a lexislación sobre IA poida representar un freo ao desenvolvemento desta tecnoloxía, sempre que as normas adoptadas teñan en conta as necesidades de innovación ao servizo das persoas e o benestar da sociedade.

O foro, que se desenvolve en dúas xornadas, foi inaugurado esta mañá polo conselleiro de Economía, Facenda, Fondos Europeos e Transformación Dixital da Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia, Luis Alberto Marín.

Na primeira das mesas, o representante galego estivo acompañado polo director xerente da Axencia de Transformación Dixital de Castela-A Mancha, Juan Ángel Morejudo; e pola conselleira delegada da Axencia para a Administración Dixital da Comunidade de Madrid, Elena Liria. Esta mesa foi moderada polo director xeral de Transformación Dixital da Rexión de Murcia, Javier Martínez.

Esta tarde, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participará nunha mesa sobre A IA e o Dereito, xunto coa responsable da Área de Dereito Dixital de KPMG Abogados, Noemí Brito, e o presidente da Sección TIC do Colexio de Avogados de Murcia, Samuel Parra.

 

Data de actualización: 01/10/2025