A Xunta inviste 253.000 € en programas de incorporación social en vivendas de pacientes drogodependentes estabilizados

Os usuarios das vivendas serán pacientes en tratamento e seguimento nas unidades de atención a drogodependencias que requiran dun programa de incorporación social con apoio residencial

Financiaranse catro programas cunha achega máxima de 63.326 euros, o que supón un incremento de máis de 8.200 euros con respecto ao pasado ano

O acceso a este recurso será voluntario e ofertarase de xeito prioritario cando non exista un apoio sociofamiliar axeitado ou concorran situacións de vulnerabilidade

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución do programa de subvencións para financiar a incorporación social en vivendas dos pacientes drogodependentes en tratamento e seguimento nas unidades asistenciais especializadas.

As axudas terán como destinatarias as entidades privadas sen ánimo de lucro que realicen programas de incorporación social e faciliten a adaptación destas persoas con dificultades á vida cotiá. En concreto, a Xunta financiará catro programas de inserción social en vivendas e achegará unha axuda de 63.326 euros por programa, o que supón un aumento de máis de 8.200 euros con respecto ao ano pasado.

A actual rede de asistencia de drogodependencias do Servizo Galego de Saúde colabora con asociacións sen ánimo de lucro que están a desenvolver programas de incorporación social.

Unha rehabilitación nunha contorna segura

Os usuarios das vivendas serán pacientes en tratamento e seguimento nas unidades de atención a drogodependencias que requiran dun programa de incorporación social con apoio residencial.

O acceso a este recurso será voluntario e ofertarase de xeito prioritario cando non exista un apoio sociofamiliar axeitado ou concorran situacións de vulnerabilidade.

Estes pisos son espazos que ofrecen unha contorna segura e estruturada ás persoas que seguen un proceso de rehabilitación coa finalidade de procurar o apoio necesario cara á súa reintegración social, dotándoas dunha vivenda digna que cubra todas as necesidades básicas desde a que poidan realizar o seu tratamento contra as drogodependencias.

Con esta medida, a Xunta pretende facilitar a adaptación á vida cotiá mediante a residencia temporal nunha vivenda normalizada, con tutela de persoal técnico cualificado para facilitar a incorporación social e promover unha vida autónoma. As entidades sen ánimo de lucro beneficiarias levarán a cabo programas dirixidos a este obxectivo.

Data de actualización: 02/10/2025