A Xunta incorpora 26 novos centros ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, que supera por primeira vez os 900 participantes

Galicia é un referente estatal neste eido, como a comunidade con máis espazos deste tipo en funcionamento, en case a totalidade de colexios e institutos

A competencia lectora é unha das prioridades da Xunta e, precisamente, este curso implántase un tempo diario de lectura nos centros de Primaria

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio Apóstolo Santiago, en Santiago de Compostela, un dos centros participantes no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Precisamente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publica hoxe a resolución deste programa, que supera este curso por primeira vez os 900 centros participantes coa incorporación de 26 novos. En concreto, forman parte desta rede 830 centros públicos e 73 concertados.

A representante da Xunta destacou a importancia deste plan para a dotación das bibliotecas escolares de todo tipo de recursos para estimular o hábito lector e fomentar estes espazos como o corazón dos centros, nos que é posible traballar todas as competencias do currículo educativo desde diferentes perspectivas.

“Grazas a este programa, Galicia é hoxe un referente estatal neste eido. De feito, segundo as últimas estatísticas do Ministerio, somos a comunidade con máis bibliotecas escolares en funcionamento, no 98,2% dos colexios e institutos, o que supón case 16 puntos máis ca media estatal, de 82,5%”, salientou a directora xeral.

Neste sentido, lembrou que a competencia lectora é unha das prioridades da Xunta. Non en balde, este curso implántase nos centros un tempo diario para o fomento da lectura en Educación Primaria, de entre 20 e 30 minutos. A súa posta en marcha é un dos eixos de actuación do programa de reforzo da lectura incluído no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia impulsado pola Xunta e que ten como finalidade reforzala entres os estudantes e fomentar o pensamento crítico e a reflexión entre eles.

Estratexia integral

O Plan de mellora de bibliotecas escolares é o programa principal do Plan Lía (Lectura, Información e Aprendizaxe), a folla de ruta da Xunta para o fomento de diferentes actividades nestes espazos. Ao seu abeiro, os centros reciben financiamento estable para fondos, para renovar mobiliario e outros equipamentos ou para gastos de funcionamento das bibliotecas. Ademais, os participantes poderán recibir formación específica, así como asesoramento a través do servizo de bibliotecas escolares da Consellería. O programa conta este curso cun orzamento de 1,5M€.

Os centros de nova incorporación son os reflectidos na seguinte táboa:

Concello

Centro

Provincia da Coruña

A Coruña

CEIP Plurilingüe Labaca

A Laracha

IES Agra de Leborís

Arteixo

CEIP de Arteixo

Carballo

CRA Ponte da Pedra

Carballo

CEIP Plurilingüe de Nétoma-Razo

Carral

CEIP de Tabeaio

Cee

CEIP Plurilingüe Vila de Cee

Curtis

CEIP de Teixeiro

Mañón

CEIP Francisco López Estrada

Oza-Cesuras

CEIP de Oza dos Ríos

Vedra

CEIP Ortigueira

Provincia de Lugo

Monterroso

CEIP Plurilingüe de Monterroso

Vilalba

CEIP Manuel Mato Vizoso

Xermade

CEIP Plurilingüe de Xermade

Provincia de Ourense

Bande

IES Aquis Querquernis

Ourense

CEIP Manuel Luís Acuña

Provincia de Pontevedra

A Lama

EPAPU Nelson Mandela

Barro

IES de Barro

Lalín

CEIP Plurilingüe Varela Buxán

O Porriño

CEIP Plurilingüe de Atios

Pontevedra

CEIP Santo André de Xeve

Pontevedra

CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez

Vigo

EEI Cristo da Victoria

Vigo

IES de Beade

Vigo

IES Coruxo

Vigo

CEP Plurilingüe Santa Tegra-Teis

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2025