O 70 % das máis de 10.000 persoas inscritas ata agora nos cursos da Xunta para preparar o certificado de competencias dixitais son mulleres

A iniciativa, impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, está dirixida a persoas maiores de 14 anos e permite preparar os exames dos niveis básico e intermedio do COMDIX

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2025

Más de 10.000 persoas participaron ata agora nos cursos do proxecto Formación Dixital, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que vén de cumprir un ano de existencia, das que o 69,18 % foron mulleres. Os contidos impartidos serven como preparación para os exames da Certificación Galega en Competencias Dixitais (ComDix).

Trátase dun programa gratuíto para as persoas participantes, que conta con financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Next Generation-UE). Desde a súa creación, en outubro de 2024, ampliou a súa oferta a dous niveis de formación: un nivel básico que combina 10 horas presenciais iniciais -con grupos activos nas catro provincias galegas- e formación en liña, pensado para quen necesita un acompañamento para comezar a usar a tecnoloxía; e un nivel intermedio, que é 100 % en liña, titorizado e aberto a novas inscricións todas as semanas.

Os cursos duran 8 semanas e inclúen contidos teóricos e prácticos en cinco áreas clave: xestión da información dixital, comunicación e colaboración, creación de contidos, benestar e seguridade dixital. Contan co acompañamento dunha persoa que titoriza todo o proceso formativo. A actividade inclúe un test de auto-diagnose e unha avaliación final, para que as persoas usuarias poidan comprobar a súa evolución no seu nivel de coñecementos.

O obxectivo é chegar a 45.000 persoas e contribuír aos obxectivos de capacitación dixital da Estratexia Galicia Dixital 2030, así como dotar á cidadanía de ferramentas para desenvolverse de forma segura nestes ámbitos.

Ao final do curso, as persoas participantes reciben un diploma que acredita a súa participación no programa. As inscricións poden realizarse en competenciasbasicas.formaciondixital.gal, para o nivel básico, e na web formaciondixital.gal para o curso de nivel intermedio.

Data de actualización: 04/10/2025