Román Rodríguez celebra a primeira patente do centro Eduardo Barreiros como “un gran fito da FP galega”
O conselleiro de Educación participa na presentación de Netclean, que xorde do certame InnovaTech FP para dar resposta ao reto presentado por Viaqua
Felicita o alumnado e docentes do Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade de Vigo, autores deste sistema de autolimpeza de fosas sépticas en zonas rurais
O prototipo, que poderá ser comercializado polo alumnado, demostrar o nivel da Formación Profesional en Galicia, que vive o seu mellor momento
Ourense, 4 de outubro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación da primeira patente rexistrada polo Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros. Trátase de Netclean, un sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas de zonas rurais desenvolvido por alumnado e docentes do Centro Integrado Valentín Paz Andrade (Vigo) ao abeiro do certame InnovaTech FP para dar resposta ao reto presentado pola empresa Viaqua.
O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, destacou esta patente, que está xa rexistrada como modelo de utilidade, como “un gran fito da FP galega, dos estudantes que crearon do proxecto, aos que felicito pola súa excelencia e, por suposto, deste centro que é o principal motor da vangarda asociada a estas ensinanzas”.
“O Eduardo Barreiros ten as instalacións, o equipamento e o persoal necesario para facer realidade este tipo de iniciativas, que parten de ideas moi ben formuladas desde os centros e que aquí atopan o ambiente idóneo para medrar e consolidarse”, explicou.
Implicacións do proxecto
O proxecto foi desenvolvido por catro alumnos (Desiré Narciso, David Gallego, Santiago Rodilla e María Eugenia López), coordinados polo docente Carlos Lamela. O reto do que xorde responde á demanda de Viaqua, canalizado a través do centro tecnolóxico Cetaqua, e orientado a mellorar eficiencia, seguridade ambiental e consumo. O proceso foi acompañado pola Área de Emprendemento do Centro Barreiros de Ourense.
En concreto, Netclean consiste nun sistema autosuficiente para a xestión de fosas sépticas en contornos rurais. Combina un hidrotornillo para xerar enerxía con autolimpeza de reixas e sensores o control remoto, o que reduce custos e mantemento, mellora a eficiencia enerxética e anticipa incidencias, contribuíndo á sustentabilidade.
Esta solución poderá ser comercializada polo alumnado para explotala cara a súa venda. O produto está xa rexistrado como modelo de utilidade, un título de propiedade industrial que protexe invencións de obxectos, utensilios ou ferramentas que presentan unha configuración ou estrutura que lles outorga unha vantaxe técnica ou de utilidade, cunha duración de 10 anos en España e recoñece o dereito de explotar unha invención en exclusiva. En definitiva, esta figura implica que se se quere utilizar este sistema soamente se poderá se se conta coa autorización dos creadores do prototipo.
Román Rodríguez salientou a importancia do certame InnovaTech FP porque” da man de empresas referentes nos seus sectores, propoñemos retos tecnolóxicos para impulsar a innovación e o emprendemento industrial entre o alumnado de FP”. “A iniciativa está a ter unha gran acollida entre as empresas, que aprecian o potencial destas ensinanzas e confían na formación do seu alumnado para buscar solucións aos desafíos tecnolóxicos”, sinalou. “Isto vén confirmar o excelente momento que vive a FP galega, cun novo récord histórico de matrícula, con 71.200 estudantes este curso”, detallou o conselleiro.
Terceira edición do programa
O conselleiro aproveitou a visita ao centro ourensán para saudar o alumnado do CIFP A Carballeira (Ourense) gañador do reto de Viaqua da segunda edición de InnovaTech FP, que están a desenvolver actualmente no Centro Eduardo Barreiros o seu proxecto de mantemento preditivo de equipos industriais mediante análise acústico con IA.
Román Rodríguez explicou que xa se está a traballar na convocatoria da terceira edición deste programa que, ademais desta patente, xa deu como froito a creación da empresa artesanal RQR, de fabricación de calzado e situada en Castro de Rei. A firma naceu do proxecto gañador na primeira edición a partir do reto proposto por elPulpo, centrado no deseño de solucións creativas e sustentables no sector da moda con identidade galega.
Incremento do 5% en Ourense
Na súa visita, Román Rodríguez tamén se referiu á suba da matrícula de FP do 5,1% este curso na provincia de Ourense, con 6.565 matriculados, 321 alumnos máis ca no pasado. Por áreas, a que máis medra é Valdeorras–Trives–Caldelas–Viana, un 7%, con 335 matriculados en total. Séguelle a área de Ourense, con 5.851 estudantes, un 5,4% máis. Pola súa banda, con 379 alumnos, a área de Verín–Limia–Baixa Limia mantense estable.