A Xunta investirá 512.000 euros na compra de mobiliario xeral e de oficina con destino ás áreas administrativas de centros de atención primaria do Sergas

A licitación responde ao proxecto de humanización das áreas administrativas dos centros de saúde co propósito de mellorar a confidencialidade e a calidade na atención ao paciente

Este investimento da Xunta incide no novo modelo organizativo que está a implementar o Servizo Galego de Saúde, no que o persoal administrativo dispón de axendas propias e maior autonomía na xestión

As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 20 de outubro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025

A Xunta publica, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, por medio da Consellería de Sanidade, a licitación da subministración sucesiva de mobiliario xeral e de oficina con destino ás áreas administrativas de centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde por un importe de 512.892 euros.

A presente contratación establécese dentro do Marco Estratéxico de Atención Primaria, co obxectivo da mellora das infraestruturas dos centros deste nivel asistencial. En concreto, esta licitación responde ao proxecto de humanización das áreas administrativas dos centros de saúde co propósito de mellorar a confidencialidade e calidade na atención ao paciente.

Este novo enfoque supón cambios na forma de traballo, priorizando a atención personalizada mediante postos de atención individualizada, en substitución dos tradicionais mostradores que favorecen unha contorna máis amable, seguro e eficiente.

Esta contratación do departamento sanitario galego incide no novo modelo organizativo que  está a implementar o Servizo Galego de Saúde, no que o persoal administrativo dispón de axendas propias e maior autonomía na xestión, o que esixe espazos adecuados que garantan a privacidade, comunicación fluída, así como unha atención centrada na persoa.

Tal e como se contempla na licitación, o Sergas mercará mobiliario de postos de traballo, mamparas, cortinas en lama, bancadas, luminarias e mobiliario fabricado a medida.

As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 20 de outubro para presentar as súas ofertas. O subministro inclúe a distribución, a montaxe e a instalación do equipamento.

Data de actualización: 03/10/2025