Lorenzana reúnese co responsable de Lockheed Martin en España e convída á multinacional a sumarse á estratexia de seguridade, defensa e aeroespazo da Xunta
O Grove (Pontevedra), 3 de outubro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co director corporativo de Desenvolvemento de Negocio Global e Estratexia de Lockheed Martin en España e Portugal, Tehmur Khan Galindo, a quen trasladou a invitación para que esta compañía se sume á Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo da Xunta de Galicia.
Esta estratexia, que está aberta á participación de todas as empresas, vai contar cun investimento de 183 millóns de euros ata 2030 coa previsión de chegar a mobilizar preto de 900 millóns en total. Segundo lembrou Lorenzana, naceu co obxectivo de impulsar as capacidades da industria galega en tecnoloxía avanzada para o sector da seguridade, a defensa e o aeroespazo.
Lockheed Martin leva máis de 25 anos traballando coa industria española e, en Galicia en concreto, colabora con Navantia en Ferrol no desenvolvemento das fragatas F-110 e o radar AN/SPY-7, un programa que posiciona a industria galega na vangarda da defensa naval internacional.