O conselleiro de Sanidade, xunto coa directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e co xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, participou na homenaxe a persoal xubilado do servizo de hospitalización a domicilio (HADO)

Gómez Caamaño destaca a hospitalización a domicilio como un dos servizos máis valorados da sanidade pública en Galicia, con máis de 7.000 pacientes atendidos en 2024

Sitúa a hospitalización a domicilio como unha das maiores transformacións do sistema sanitario para procurarlle unha asistencia máis cálida e máis humana a cada paciente

Súmase ao recoñecemento a Carmen Durán quen, desde anteriores responsabilidades no Sergas, impulsou o plan e estendeu a hospitalización a domicilio por toda Galicia

Reitera o compromiso de ampliar a cobertura do servizo e reforzar a atencion domiciliaria en diferentes eidos

A Coruña, 4 de outubro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o servizo de hospitalización a domicilio como un dos máis valorados da sanidade pública, con máis de 7.000 pacientes atendidos en 2024.

Así o remarcou no acto de homenaxe a persoal xubilado do servizo de hospitalización a domicilio (HADO) da área que se celebrou no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, no que tamén participaron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde.

O conselleiro de Sanidade indicou que o servizo de hospitalización a domicilio galego é recoñecido como un dos mellores programas de atención domiciliaria a nivel nacional. Neste sentido, salientou o seu carácter precursor dun sistema novo e mellor de entender a asistencia sanitaria. Trátase dun modelo que sae dos recintos sanitarios e chega ao fogar do paciente para procurarlle unha asistencia máis cálida e máis humana.

Gómez Caamaño puxo de relevancia o traballo de consolidación e extensión por toda Galicia do plan de hospitalización a domicilio do Servizo Galego de Saúde que impulsou a actual directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, nas súas anteriores responsabilidades no Sergas.

Ao mesmo tempo, recoñeceu o labor de cada profesional de HADO que propicia, máis aló de cifras de atención, experiencias satisfactorias de pacientes e as súas familias.

Por iso, Gómez Caamaño comprometeuse a seguir ampliando a cobertura da hospitalización domiciliaria, ademais de continuar integrando tecnoloxías que redunden na mellor atención e, en xeral, reforzar a atención domiciliaria en diferentes eidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2025