A delegada da Xunta na Coruña, acompañada polo alcalde de Oza-Cesuras, visitou a zona na que se vai a levar a cabo a construción deste novo viario
Belén do Campo lamenta o retraso de ano e medio no inicio das obras de mellora da mobilidade peonil na estrada AC-840 en Oza-Cesuras pola falta da autorización de ADIF
A delegada agradeceu ao rexedor a súa disposición de facerse cargo da conservación e mantemento da obra que conta cun orzamento de 1,26 millóns de euros
Este paso baixo o ferrocarril, favorece a mobilidade dos peóns, ciclistas non profesionais e dos usuarios con mobilidade reducida, que frecuentan esta zona, por atoparse na contorna do pavillón e do colexio, nun treito ata o de agora moi perigoso para os peóns porque non hai beirarrúas
A representante do Goberno autonómico explicou que “hoxe dáse o primeiro paso comezando coa escavación para poder executar os micropilotes que soportarán a lousa na que se apoiará a estrutura que se colocará no noiro”
Executarase un itinerario diferenciado dous carrís de circulación e con conexión coas beirarrúas a ambos lados do paso, o que redundará en maior seguridade na contorna
O itinerario terá unha lonxitude total de 128 metros, en sección de senda mixta, para peóns e ciclistas non deportivos, cun ancho variable, entre os 2,5 e os 4 metros
O proxecto inclúe a dotación de iluminación no treito e de rede de drenaxe de pluviais
Oza-Cesuras (A Coruña), 6 de outubro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González, e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, lamentou, esta mañá, o retraso de ano e medio no inicio das obras de mellora da mobilidade peonil na estrada AC-840 pola demora de ADIF en autorizar a actuación. As obras, que consistirán na execución dunha nova senda e pasarela baixo a vía do tren, contan cunha achega da Xunta de máis de 1,26 millóns de euros e dan resposta a unha demanda veciñal ante a perigosidade do tramo actual, que carece de beirarrúas, e é moi frecuentado por peóns, ciclistas non profesionais e persoas con mobilidade reducida.
Na visita estiveron presentes o director da obra, técnicos da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e enxeñeiros representantes da empresa adxudicataria Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U.
A delegada da Xunta destacou que o inicio desta obra era moi necesario e lamentou que se tivera que demorar un ano e medio pola falta do permiso da entidade ferroviaria sen o cal non se podía empezar a executar esta infraestrutura que foi adxudicada en abril de 2024. En todo este tempo, ADIF non foi quen de emitir a autorización necesaria, o que obrigou a Xunta a esperar para iniciar esta infraestrutura tan necesaria para a veciñanza.
Belén do Campo tamén lembrou que, ante a falta de colaboración de ADIF para asumir o financiamento desta obra, xa que se trata dun paso por debaixo da vía do tren, a Xunta decidiu financiar esta actuación na súa totalidade, a través dun convenio asinado hai dous anos e medio, polo que o Goberno galego asumiu a licitación, a execución e o financiamento da mesma, mentres o Concello farase cargo da titularidade da infraestrutura e da súa conservación e mantemento, pola súa banda o compromiso de ADIF limitábase a ter que dar autorización, algo que se demorou inexplicablemente no tempo. A delegada da Xunta agradeceu ao alcalde o seu compromiso cos veciños porque esta obra suporá un antes e un despois na seguridade viaria da zona centro do pobo.
Pola súa banda, o alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González, agradeceu a implicación do Goberno galego, que sempre tivo clara a necesidade desta obra. Neste senso, apuntou que "tiveron que ser os técnicos da Xunta os que buscasen a solución técnica deste paso" e recalcou que "grazas a insistencia dos responsables autonómicos actuouse coa máxima insistencia ante ADIF para que este proxecto sexa hoxe unha realidade”.
A delegada recalcou que "desde a Xunta de Galicia seguimos traballando para ofrecer aos veciños de Oza-Cesuras unha maior seguridade e comodidade nos seus desprazamentos cotiáns". “Esta actuación tan demandada, agardada e necesaria favorece unha mobilidade máis sustentable, especialmente a aquelas persoas que teñen máis dificultades, garantindo un paso seguro nesta estrada autonómica”, recalcou Belén do Campo.
Inicio obra
A representante do Goberno autonómico explicou que “hoxe dáse o primeiro paso comezando co inicio da escavación para poder executar os micropilotes que soportarán a lousa na que se apoiará a estrutura que se colocará no noiro para, esta mesma semana, comezar cos micropilotes da lousa e a escavación da cimentación do muro situado no outro lado do noiro da vía”. A actuación ten un prazo de execución de 10 meses.
Belén do Campo explicou que “o que buscamos é darlle unha solución ao estreitamento nesta vía á altura do quilómetro 8+280, no paso baixo a vía do ferrocarril. Neste punto, agora mesmo, só hai espazo para a circulación de vehículos, de xeito que calquera persoa que queira pasar andando ten que facelo pola estrada”.
A solución consiste en habilitar un paso exclusivo e seguro para os usuarios máis vulnerables da estrada, como son os peóns e ciclistas non deportivos, favorecendo a mobilidade das persoas con maiores dificultades.
Executarase un itinerario diferenciado dos carrís de circulación e con conexión coas beirarrúas a ambos lados do paso baixo a vía do ferrocarril, o que redundará en maior seguridade nesa contorna.
O itinerario terá unha lonxitude total de 128 metros, en sección de senda mixta, para peóns e ciclistas non deportivos, cun ancho variable, entre os 2,5 e os 4 metros.
A senda terá dous treitos diferenciados: por unha banda, unha rampla paralela á vía do tren, para salvar a altura entre a cota de entrada do paso e a do viario de servizo e que se sosterá cun muro de formigón armado lateral; e por outra banda, outro treito que será o paso baixo o tren cunha estrutura de formigón armado de 22 metros, dividida en dous módulos. O itinerario continuará paralelo ao noiro existente ata o camiño de servizo que empata coa AC-840.
A solución deseñada ten a vantaxe de que permite evitar afeccións significativas durante a execución das obras ao tráfico viario na propia estrada AC-840 e tamén ao tráfico ferroviario.
O proxecto tamén inclúe a dotación de iluminación en todo este treito e a execución de rede de drenaxe de pluviais.