A Xunta inxecta outros 7,2 M€ ás universidades de Santiago e Vigo para seguir avanzando na renovación dos seus edificios a través do Plan de infraestruturas

Calvo salienta que as achegas céntranse nas obras de construción da nova Facultade de Farmacia da capital de Galicia e do Edificio de Aeroespacial en Ourense

Tamén se rehabilitará o Edificio Siemens da ETEA para convertelo no Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo

Sinala que estas achegas enmárcanse no Plan de infraestruturas universitarias aprobado en 2023, dotado de 40 M€ e coa previsión de mobilizar 100 M€ ata 2026

Este plan súmase ás contías que o Goberno galego achega ás tres universidades a través do Plan de financiamento 2022-2026

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou hoxe de que o Consello acordou inxectar outros 7,2 millóns de euros ás universidades de Santiago de Compostela e Vigo para “avanzar na renovación e na modernización dos seus edificios” ao abeiro do Plan de infraestruturas universitarias aprobado no 2023.

Tal e como explicou Calvo, o Plan está dotado de 40 millóns de euros e prevé mobilizar “100 millóns ata 2026”. Este investimento súmase, como unha cantidade adicional, ao Plan galego de financiamento universitario 2022-2026. Engádese, ademais, ao convenio asinado en 2021, por importe de 4,5M€, para a mellora da eficiencia enerxética das infraestruturas universitarias, como anticipo a este Plan de infraestruturas.

O obxectivo desta nova liña de actuación é seguir avanzando na consolidación da excelencia e calidade do Sistema Universitario de Galicia, a través de melloras nas infraestruturas dos sete campus, tanto rehabilitacións como construción de novos edificios modernos para facultades e centros de investigación adaptados aos retos de futuro.

Máis de 12 M€ xa en marcha na USC

No caso da Universidade de Santiago, o conselleiro salientou que a Xunta realizará unha achega de “case 4,1 M€ este ano que irán en exclusiva para a construción dunha nova facultade de Farmacia”. Situarase dentro da nova Cidade da Saúde da USC, un conxunto de edificios que acollerá tanto esta facultade como a de Enfermería, un centro de investigación na área de Ciencias da Saúde e un aparcadoiro.

A estrutura do complexo será modular e flexible, con espazos dedicados a aulario, biblioteca, área de goberno de ambas as facultades, espazos para a administración e os servizos auxiliares, laboratorios de prácticas e áreas de investigación, non segmentadas por centro senón por uso. Será tamén dun edificio enerxeticamente eficiente, cunha baixa demanda e con produción propia de enerxía mediante fontes renovables.

Con cargo a este plan, a Universidade de Santiago de Compostela acometeu xa obras de mellora na Facultade de Medicina e de rehabilitación na Facultade de Química. En concreto, recibiu xa 4,085M€ en 2023 e outro tanto en 2024, polo que o investimento en marcha nesta universidade co convenio de 2025 supera xa os 12M€.  O total da achega a esta universidade, de máis de 16,3M€, completarase en 2026 cunha nova anualidade do mesmo importe das mencionadas.

Actuacións da UVigo por máis de 9,3M€

Pola súa banda, Calvo explicou que a Universidade de Vigo destina a achega deste ano, de máis de 3,1 M€, a dous proxectos: avanzar na construción da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo, no Campus de Ourense, e á rehabilitación do edificio Siemens na ETEA de Vigo.

No primeiro caso, o edificio contará con máis de 6.500m² dedicados a aulas, laboratorios punteiros e incubadoras de proxectos, ademais de zonas para administración e servizos.

Esta dotación vén reforzar a especialización e identidade científica do Campus da Auga, acreditado como campus especializado pola Xunta.

Ademais, a UVigo vai rehabilitar o edificio Siemens na ETEA para convertelo no Centro de Investigación Mariña (CIM). Precisamente a Xunta vén de ceder á Universidade deste espazo por un período máximo de 75 anos para poder avanzar neste proxecto.

O obxectivo fundamental do centro é contribuír á conservación e ao uso sustentable dos océanos, mares e recursos mariños a través da xeración e transferencia de coñecemento baseado na ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

Con este novo convenio, o conselleiro salientou que “a achega á UVigo elévase xa aos 9,3M€” no marco deste plan. Ao abeiro dos convenios de 2023 e 2024, de 3,1M€ cada ano, a UVigo comezou as obras do devandito novo edificio da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo en Ourense. A achega completarase en 2026 cunha nova anualidade do mesmo importe, ata sumar un total de máis de 12,4M€.

Situación dos convenios da UDC

No caso da Universidade da Coruña, os 2,81M€ do convenio de 2023 foron autorizados excepcionalmente para gastos correntes por petición da propia institución. A partida de 2024, polo mesmo importe, non foi executada por parte da UDC e está pendente de resolución, mentres que o convenio de 2025 non comezou aínda a súa tramitación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2025