A Xunta investirá máis de 2,3 M€ euros na compra sucesiva de equipamento electromédico para os centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde

Adquiriranse ecógrafos portátiles, bicicletas estáticas, básculas de biompedancia e lámpadas de procedementos

As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 20 de outubro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2025

A Xunta publica, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, mediante acordo marco por un importe de 2.339.172 euros, da subministración sucesiva de equipamento electromédico para os centros de atención primaria das sete áreas do Servizo Galego de Saúde.

Adquiriranse equipamentos de uso habitual que, ou ben é necesario renovar ou ben se destinará a ampliar unidades, coa finalidade de aumentar a capacidade de resolución deste primeiro nivel asistencial para mellorar a calidade da atención prestada.

En concreto, mercaranse lámpadas de procedementos, básculas de biompedancia para medir datos como o peso, a masa muscular ou a auga corporal, bicicletas estáticas e ecógrafos portátiles de atención primaria.

A empresa contratista deberá instalar e entregar o equipamento nun prazo máximo de tres meses desde cada solicitude formalizada.

A contratación forma parte do Marco Estratéxico de Atención Primaria para mellorar as infraestruturas dos centros deste nivel asistencial.

As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 20 de outubro para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 06/10/2025