Ferrolterra acolle a próxima semana a fase rexional dos Premios nacionais á moda para deseñadores mozos co apoio da Xunta

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do evento nas instalacións da empresa Galicia Textil

Neda, 7 de outubro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá nas instalacións da empresa Galicia Textil, en Neda, na presentación da fase rexional da 39ª edición dos Premios Nacionales a la Moda de Jóvenes Diseñadores que organiza a delegación galega da Asociación de Nuevos y Jóvenes Diseñadores Españoles (ANDE) co apoio do Goberno galego.

Durante o acto, Aneiros destacou papel do sector da moda na Comunidade Autónoma, así como a importancia de acoller certames coma este como “unha mostra do recoñecemento que Galicia merece e do potencial que temos para seguir medrando desde a calidade, a sustentabilidade e o deseño de autor”. Especialmente lembrou o peso do sector na bisbarra de Ferrolterra da que destacou, “leva anos consolidándose como un referente galego na formación e a creación vinculadas á moda, especialmente desde a implantación no 2018  do Grado en Xestión Industrial da Moda no Campus Industrial”, dixo.

Así mesmo, reiterou aposta decidida da Xunta “polo impulso do talento novo e pola proxección exterior do noso sector creativo e industrial”.

 A fase rexional da 39ª edición dos Premios Nacionales a la Moda de Jóvenes Diseñadores terá lugar o próximo 16 de outubro nunha gala que se celebrará nas instalacións da empresa Galicia Textil e onde presentarán as súas propostas nove deseñadoras chegadas de diferentes puntos da xeografía galega. Celébrase ao abeiro da I Semana da Moda ANDE Galicia que terá lugar do 13 ao 16 de outubro nos municipios de Ferrol, Narón e Neda e de cuxa programación tamén se deu conta no evento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2025