A Xunta destaca o impulso dos espazos de reflexión para seguir avanzando na igualdade coa sensibilización sobre as masculinidades igualitarias entre a mocidade
O Executivo galego aposta por reforzar o apoio ás mulleres en situación de vulnerabilidade a través de iniciativas de inserción sociolaboral
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá no Salón de Graos da Facultade de Dereito Universidade de Santiago de Compostela na inauguración da xornada Tecendo coidados. Construíndo masculinidades igualitarias desde a mocidade. Alí destacou a importancia da colaboración entre as tres institucións educativas e a Administración galega para consolidar entre a xuventude as masculinidades igualitarias para construír unha sociedade máis xusta.
Con este evento, organizado polas tres universidades galegas e realizada ao abeiro do Plan Corresponsables 2025, preténdese poñer no centro o valor dos coidados e a construción de masculinidades igualitarias, co obxectivo de que os rapaces desenvolvan tamén unha vida plena, baseado nos coidados e asumindo a corresponsabilidade en todos os espazos para lograr una sociedade máis xusta e igualitaria.
Na súa intervención, a directora xeral destacou a importancia da colaboración entre a Xunta e as institucións educativas para impulsar accións de promoción da Igualdade e prevención da violencia de xénero, ao tempo que engadiu que estes espazos son fundamentais para impulsar a reflexión entre profesionais e estudantado.
Xornadas Mulleres e Vulnerabilidade Social
A directora xeral de Promoción da Igualdade tamén participou na xornada Mulleres e Vulnerabilidade Social. Reflexións desde as discriminacións interseccionais, organizada polo Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo de Galicia. O obxectivo desta iniciativa é darlle voz a mulleres que sofren discriminación por xénero, raza, clase, orientación sexual ou discapacidade. Neste senso, a Xunta aposta por reforzar o apoio ás mulleres en situación de vulnerabilidade a través de iniciativas de inserción sociolaboral e a colaboración co terceiro sector.