A Xunta aposta en Ames pola colaboración comercial e suma de sinerxías no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no encontro da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) no que se puxo en valor o Centro Comercial Aberto (CCA) Xeames
Alí recordou que vén de rematar a campaña desenvolvida en Bertamiráns no marco do programa ‘Merca no teu comercio’ impulsado pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Comercio, que concluirá coa repartición de 20 tarxetas prepago
Actualmente, a acción ‘Merca no teu comercio’ está activa nos tamén municipios coruñeses de Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía
Ames (A Coruña), 7 de outubro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no encontro da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) no que se puxo en valor o Centro Comercial Aberto (CCA) Xeames. Alí, aproveitou para destacar que o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 contempla o fomento de novas fórmulas de dinamización e colaboración comercial que permitan unha maior visibilización do comercio para estimular a oferta e revitalizar espazos urbanos e rurais, entre as que se atopan as sinerxías intersectoriais que sirvan de referencia de novos modelos de rexeneración da actividade comercial vencellada ao territorio.
Nesa liña, o director xeral puxo de relevo iniciativas da Xuntanza de Empresarios de Ames e do CCA Xeames como os Bonos Xeames que veñen de lanzar para impulsar as compras no comercio deste concello coruñés ao longo deste mes de outubro. Animou ás entidades a seguir por este camiño co gallo de seguir dinamizando o tecido comercial como clave para a consolidación da actividade económica e o emprego na contorna, así como para a vertebración do territorio.
Alén recordou que o pasado 30 de setembro rematou ademais a campaña quincenal desenvolvida en Bertamiráns no marco do programa Merca no teu comercio impulsado pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Comercio co propósito de incentivar as vendas no comercio local. Unha campaña que concluirá coa repartición de 20 tarxetas prepago de 50 euros, que poderán empregarse nos establecementos locais adheridos ata o 31 de decembro.
Concluíu que actualmente, e deica o 15 de outubro, a acción ‘Merca no teu comercio’ está activa nos tamén municipios coruñeses de Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. Posteriormente habilitarase en Cambre e Culleredo.