A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe co alcalde de Poio, Ángel Moldes, e cunha representación de empresarios do municipio
Lorenzana cualifica a construción do polígono de Fragamoreira, que podería comezar a finais de 2027, como unha obra prioritaria para a Xunta
O DOG publica hoxe o anuncio polo que se somete a información pública o Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) deste parque, aprobado a semana pasada no Consello da Xunta
Destaca que a planificación, que abranguerá unha superficie de 373.416 m² cun investimento de 29,9 M€, “está moi traballada”, tanto co Concello como con todos os órganos sectoriais
Co novo polígono de Fragamoreira, son case tres millóns de metros cadrados os que a Xunta ten en tramitación na provincia de Pontevedra
Poio (Pontevedra), 7 de outubro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, manifestou hoxe que a construción do futuro parque empresarial de Fragamoreira, no concello pontevedrés de Poio, é “unha obra prioritaria para a Xunta de Galicia”, que está previsto que se inicie a finais de 2027.
Lorenzana mantivo unha xuntanza co alcalde do municipio, Ángel Moldes, e cunha representación de empresarios da zona para abordar o inicio da tramitación do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) do futuro polígono de Fragamoreira, que hoxe mesmo sae a información pública, unha vez superado o trámite ambiental.
A conselleira indicou que a planificación deste parque empresarial, que abranguerá unha superficie de 373.416 m² cun investimento de 29,9 M€, “está moi traballada”, tanto co Concello como con todos os órganos sectoriais. “Eu espero que esa aprobación definitiva permita que no ano 2026 xa traballemos na urbanización do polígono, na expropiación, e coido que na segunda metade do 2027, estariamos licitando as obras”, precisou.
Trátase dunha infraestrutura moi importante para o municipio de Poio porque non dispón de máis solo industrial ca ese, dixo. “Moitas veces falamos da necesidade de atraer novo investimento a Galicia, pero tamén é imprescindible que os empresarios galegos, as empresas familiares que conforman a meirande parte do noso tecido produtivo, as pemes, teñan a posibilidade de crecer nas súas comarcas, e a Xunta e os concellos temos a responsabilidade de traballar para que isto sexa así”, dixo Lorenzana.
Co novo polígono de Fragamoreira, apuntou, son case tres millóns de metros cadrados os que a Xunta de Galicia ten en tramitación na provincia de Pontevedra, o cal demostra o compromiso a Xunta e a actividade empresarial e industrial existente que xera esa demanda de solo na zona.