A Xunta favorece estadías formativas en empresas da Unión Europea a unha ducia de mozos

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visita en Amarante aos participantes que realizan as súas prácticas na ONG Aventura Marão Club e a cooperativa Equaçao

A iniciativa forma parte de ‘Galicia moza con ALMA’, o programa posto en marcha por primeira vez este ano para as persoas mozas en situación de vulnerabilidade que teñan dificultades para acceder ao mundo laboral ou formativo

Amarante (Portugal), 8 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia favorece estadías formativas en empresas da Unión Europea a unha ducia de mozos galegos. Así o informou hoxe a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, nunha visita en Amarante aos participantes que realizan as súas prácticas na ONG Aventura Marão Club e a cooperativa Equaçao.

Así, durante o seu encontro, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a importancia de poñer en marcha medidas que procuran a promoción da igualdade de oportunidades entre a poboación moza máis desfavorecida ou en risco de exclusión. “O proxecto Galicia moza con ALMA é unha das 133 medidas que, co horizonte do ano 2027, temos en marcha ao abeiro do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia”, explicou Lara Meneses antes de indicar que neste caso búscase colaborar con “mozos e mozas do ámbito do rural, xente nova con discapacidade, rapaces que leven máis dun ano en paro ou con aqueles que estean en risco de exclusión social para axudalos a mellorar as súas posibilidades laborais e formativas”.

Neste senso, púxose en marcha esta iniciativa cuxo obxectivo é favorecer a mobilidade xuvenil exterior como vía de desenvolvemento persoal e profesional destes colectivos vulnerables, pola súa situación xeográfica, física ou socioeconómica. “O que se procura é que estes rapaces e rapazas desenvolvan habilidades e competencias para o emprego, á vez que melloran e perfeccionan outros idiomas que lles permitan abrir máis portas no eido laboral”, sinalou.

No caso concreto de Amarante, os participantes do programa da Escola Don Bosco realizan as súas prácticas en Aventura Marão Club, unha ONG que promove hábitos de vida saudable, e Equaçao, unha cooperativa de comercio xusto. Cómpre lembrar que o proxecto contou ademais cunha formación personalizada previa en Galicia e continuará ao regreso cunha avaliación e seguimento con apoio continuado para aplicar as novas capacidades adquiridas na busca de emprego ou na continuidade dos estudos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2025