A Xunta inviste 895.500 euros na mellora da estrada autonómica LU-622 que conecta Sarria e Láncara
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que se renovan o pavimento e a sinalización horizontal e incorpóranse cunetas de seguridade nos 8 quilómetros da vía
Láncara (Lugo), 8 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia inviste 895.500 euros no reforzo do firme e a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica LU-622, que discorre polos municipios de Sarria e Láncara.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos, que se executan nos 8 quilómetros de lonxitude da vía. Explicou que se estendeu unha nova capa de rodadura con mistura asfáltica en quente, constrúense cunetas para mellorar a drenaxe lonxitudinal e finalizarase co repintado da sinalización horizontal.
A estrada LU-622 é unha vía de conexión interior que da servizo a numerosos núcleos de poboación, desde o seu inicio en Corvelle (Sarria) ata o enlace no municipio lancarao coa LU-621 (A Pobra de San Xiao-Baralla).
Arias subliñou que a estrada gañará funcionalidade e durabilidade tras estas obras, que comezaron a finais de setembro e está previsto rematar nas vindeiras semanas, “e redundarán especialmente nun maior confort e seguridade para os usuarios”. Neste sentido, explicou que se incorporan cunetas remontables, que pola súa escasa pendente permiten o paso de vehículos en caso de emerxencia.
O delegado lembrou que esta actuación enmárcase no contrato adxudicado o pasado mes de xuño, por 2,3 millóns de euros de orzamento, que incluíu tamén actuacións na LU-533 no Saviñao, e nas vías LU-536 e LU-636 en Sarria.