A Xunta destaca o valor do diálogo, o pacto e o acordo na xustiza social

O director xeral de Xustiza participou na inauguración da ‘V Xornada laboralista’, organizada polo Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra

José Tronchoni incidiu na aposta da Xunta pola formación continua para garantir a prestación de servizos de calidade

Vigo, 9 de outubro de 2025

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou na inauguración da V Xornada laboralista, organizada polo Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, onde destacou o valor do diálogo, o pacto e o acordo na xustiza social, ao tempo que recoñeceu os profesionais do Dereito Laboral como pezas esenciais. “Estamos necesitados de negociacións tanto na xurisdición social coma no ámbito extraxudicial a través das negociacións colectivas e os acordos para o emprego”, apuntou.

O director xeral salientou tamén a necesidade de apostar pola formación continua nos ámbitos do Dereito Laboral e dos Recursos Humanos para afrontar os novos retos. Nesta liña, referiuse á importancia de desenvolver foros como o inaugurado hoxe para garantir a actualización e o intercambio de coñecementos sobre novidades normativas e procesuais, como son as novas leis de eficiencia organizativa e procesual.

Segundo sinalou, nestas xornadas abórdanse temas de máxima actualidade, como a intelixencia artificial e a súa influencia na vida xudicial. Neste sentido, referiuse as vantaxes desta ferramenta, como a axilización de procesos e a análise profunda de datos. A discriminación interseccional da muller e a xurisprudencia en indemnizacións e despido son outros dos temas que forman parte do programa do encontro.

Para José Tronchoni, o investimento en coñecementos “produce sempre os mellores beneficios”. O director xeral incidiu na aposta da Xunta pola formación como instrumento de xestión para o desenvolvemento de habilidades que permitan ofrecer servizos de calidade, conscientes de que esta adaptación non termina nunca debido á constante actualización normativa e os avances tecnolóxicos, así como ás peculiaridades de cada territorio. “Isto obríganos á dotación de novas infraestruturas, adecuadas para reducir o tempo e volume das tarefas co obxectivo de garantir unha Administración de Xustiza moderna, dixital e máis áxil”, engadiu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2025