O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente do Sergas e o responsable da área sanitaria de Santiago, interveu na presentación á delegación italiana que participa no proxecto europeo CIRCE desta ferramenta para o seguimento de pacientes crónicos

Gómez Caamaño destaca o interese da sanidade italiana pola plataforma TELEA, coa que o Servizo Galego de Saúde monitoriza xa máis de 23.100 pacientes

O conselleiro destaca que o modelo de teleasistencia galego é unha aposta clara por unha atención máis próxima, personalizada e dixitalmente avanzada

Amósase orgulloso de que TELEA sexa unha das boas prácticas seleccionadas para exportar a outras rexións no marco do proxecto europeo CIRCE

Incide en que a telemonitorización pode contribuír a un sistema sanitario máis accesible, equitativo e sostible

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o interese da sanidade italiana pola plataforma electrónica TELEA, coa que o Servizo Galego de Saúde monitoriza xa máis de 23.100 pacientes, sendo a patoloxía máis monitorizada a diabetes, que representa un 54 % do total.

O titular da carteira sanitaria, xunto co xerente do Sergas, José Ramón Parada, e o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, interveu na presentación da plataforma de seguimento de pacientes crónicos TELEA á delegación italiana de Alessandria e de Módena que participa no proxecto europeo CIRCE Joint Action.

Gómez Caamaño remarcou que o modelo de teleasistencia galego realizado a través de TELEA representa unha das principais apostas da Xunta por unha atención sanitaria máis próxima, personalizada e dixitalmente avanzada.

Continuidade asistencial

O conselleiro amosouse orgulloso de que TELEA sexa unha das boas prácticas seleccionadas para exportar a outras rexións no marco deste proxecto europeo, e incidiu en que o propósito desta ferramenta é mellorar o seguimento de pacientes crónicos, ademais de garantir a continuidade asistencial entre o hospital e a atención primaria, ofrecendo unha resposta eficiente e humana desde o fogar do propio doente.

No marco dunha xornada celebrada no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, organizada polo Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o conselleiro referiu que este encontro vai permitir coñecer polo miúdo como a Xunta integra a telemonitorización na práctica clínica, tanto no ámbito hospitalario como no comunitario.

Gómez Caamaño amósase convencido que a innovación en saúde non consiste so en desenvolver tecnoloxía, senón en transformar o xeito no que se coida ás persoas.

O titular da carteira da Xunta referiu que iniciativas como o proxecto europeo CIRCE Joint Action amosan que cando as institucións cooperan e comparten as súas mellores prácticas gañan os profesionais, os sistemas de saúde e os pacientes.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu a implicación e o esforzo que está a realizar a delegación italiana na posta en marcha dos seus proxectos pilotos, e amosouse convencido de que os resultados dese traballo serán un exemplo de como a telemonitorización pode contribuír a un sistema sanitario máis accesible, equitativo e sostible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2025