As xornadas `Cultura e tradición no Camiño´ continúan en Lugo con obradoiros artesanais e concertos ata o sábado

O último día haberá unha andaina, que partirá ás 12,00 horas da praza do Camiño Primitivo para facer un percorrido ata a Oficina de Turismo da Xunta, con acompañamento de música tradicional

Lugo, 9 de outubro de 2025

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe dous dos obradoiros artesanais organizados no marco das xornadas Cultura e Tradición no Camiño, que se celebran estes días na Oficina de Turismo da Xunta na cidade, situada na rúa Miño. As actividades están impulsadas polo grupo etnográfico Traxandaina e contan coa colaboración do Goberno galego.

Hoxe desenvolveuse un taller participativo de orfebrería impartido por Susi Gesto, e outro de zoqueiría guiado por Alberto Geada. Esta tarde, ás 19,30 horas, continúa a actividade cun concerto de Cantos de Cego a cargo de Carlos do Viso.

Mañá e o sábado haberá outros obradoiros artesanais de feltro, alfarería, cerámica e torneadura a pé, patrocinados pola Xunta a través de Artesanía de Galicia. Tamén haberá actuacións de cantos de cego os dous días ás 19,30 horas.

A xornada de peche - o sábado -estará adicada ao Camiño, coa presenza de varias asociacións da ruta xacobea. Para ese día está prevista unha andaina que partirá ás 12,00 horas da praza do Camiño Primitivo e fará un percorrido ata a Oficina de Turismo, con acompañamento de música tradicional. Xa pola tarde, ás 18,15 horas, o público poderá desfrutar do concerto didáctico Fiando Cantigas.

Arias destacou a boa acollida desta iniciativa, “que ofrece unha nova proposta cultural durante as festas de San Froilán e permite ao público achegarse aos oficios artesanais da man dos propios creadores”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2025