A Xunta aborda coa comunidade escolar a futura Lei de educación dixital para deseñar un texto integral e dialogado

A Consellería de Educación mantén varias reunións de traballo con representantes das organizacións sindicais, das familias e do ensino concertado para avanzar no texto

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia continúa coa rolda de reunións cos axentes que conforman a comunidade escolar co fin de perfilar o contido da futura Lei de educación dixital desde unha perspectiva integral, de diálogo e de consenso. Na xornada de hoxe, foi a quenda das organizacións sindicais, das anpas e das patronais do ensino concertado en tres encontros co obxectivo de recoller achegas para enriquecer o texto normativo.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP estivo representada polo secretario xeral técnico, Manuel Vila; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez. Por parte das organizacións sindicais asistiron CIG, CCOO, Anpe e UGT, por parte das asociacións de nais e pais Anpas Galegas, Confapa e Congapa e polo ensino concertado Escolas Católicas, CECE e ACES.

A lei, inédita ata o de agora a nivel estatal e europeo, regulará os dereitos e deberes neste eido e apostará por un modelo híbrido de educación que combine o papel coas novas ferramentas tecnolóxicas.

Data de actualización: 09/10/2025