Medio cento de estudantes galegos deseñan o seu propio satélite no marco das actividades da Semana Mundial do Espazo en Galicia promovidas pola Xunta

Participan nun hackaton organizado en Nigrán coa colaboración das empresas UARX Space e Airbus así como da Universidade de Vigo

É a cuarta actividade do programa da Semana Mundial do Espazo, que se inscribe nas accións da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo promovida polo Goberno galego

Nigrán (Pontevedra), 9 de outubro de 2025

Preto de medio cento de estudantes de oito centros educativos galegos deseñaron o seu propio satélite a partir de materiais de refugallo. É a cuarta das actividades da Semana Mundial do Espazo en Galicia promovida pola Xunta no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo e que conta coa colaboración de numerosas empresas do sector, universidades e centros tecnolóxicos.

Os equipos, integrados por seis alumnos e de diferentes ciclos da ESO, enfrontáronse a este reto  de construír o seu propio satélite en Nigrán, nas instalacións da empresa UARX Space que, xunto con Airbus e a Universidade de Vigo, colabora coa Xunta de Galicia na celebración deste hackaton que permitiu aos estudantes poñer en práctica as súas habilidades de deseño, enxeñaría e traballo en equipo.

Un xurado integrado por representantes de UARX Space, Airbus, a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia foi o encargado de seleccionar os mellores proxectos de satélite. O equipo do colexio Ángel de la Guarda de Nigrán, que obtivo a primeira posición, foi premiado cunha visita ás instalacións de UARX Space e o nome do centro educativo e dos alumnos viaxará ao espazo nun satélite da empresa. Tamén foron galardoados o CPR Santa María de Tui e o CPR Compañía de María de Vigo como o segundo e terceiro mellor deseño de satélite, respectivamente.

As actividades da Semana Mundial do Espazo en Galicia percorreron estes días Lugo, Santiago de Compostela, Vigo e Nigrán e rematarán mañá cunha xornada divulgativa sobre o pasado, presente e futuro da exploración espacial, que terá lugar no edificio Politécnico do campus de Ourense. Durante a mesma, os participantes coñecerán como o espazo coida da Terra a través de charlas, talleres e exposicións nos que colaboran a Universidade de Vigo, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), Airbus e a asociación Ellas Vuelan Alto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2025