Segue aberto o prazo para solicitar as axudas a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral

A última convocatoria deixou preto de 600.000 euros na provincia e beneficiou a 18 establecementos

A nova convocatoria conta cun orzamento de 5 millóns de euros que se reparten entre as liñas de eficiencia enerxética, dixitalización e mellora de fachadas

Marín (Pontevedra), 9 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o restaurante Os Tres Monos, cuxa empresa, El Club de la Mosca Pontevedra, foi unha das beneficiarias da convocatoria plurianual 2023-2024 das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral.

Así, Reguera visitou o resultado das obras realizadas grazas a unha achega de preto de 9.200 euros desta liña que permitiu renovar a fachada e o exterior do establecemento.

Los Tres Monos foi un dos 18 establecementos que se beneficiaron da ultima convocatoria das axudas na área territorial de Pontevedra que contou cun investimento total da Xunta de preto de 600.000 euros.

Ademais o delegado territorial aproveitou para informar sobre a nova convocatoria que está aberta ata o día 12 de novembro e que conta cun orzamento total de 5 millóns de euros. Esta subvención cubre tres liñas de actuación, sendo que se pode solicitar para traballos de mellorada da eficiencia enerxética; para labores de dixitalización; e para mellora de fachadas.

Cabe destacar que estas axudas cubrirán ata o 80% do custo dos traballos de mellora e teñen como obxectivo mellorar e modernizar os locais turísticos do litoral galego.



Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2025