A Xunta enxalza os 40 anos de traxectoria da Fundación Érguete na loita e defensa da mocidade galega e das familias

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou que as mulleres desta entidade marcaron o camiño da xustiza social e dun movemento feminista pioneiro

Vigo, 9 de outubro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, enxalzou os 40 anos de traxectoria da Fundación Érguete na defensa das familias galegas e de toda a mocidade. Así o trasladou durante a celebración do aniversario desta entidade referente do movemento asociativo galego na loita contra as drogadiccións, un acto no que tamén participaron a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.

Fabiola García quixo trasladar as felicitacións de todo o Executivo galego “a este grupo de nais que saíron á rúa e abriron os ollos da sociedade” ante un problema do que “naquel entón se descoñecía a súa magnitude”. Por iso, recalcou que as mulleres da Fundación Érguete “marcaron o camiño da xustiza social” e deron un paso moi importante – sinalou- cun movemento feminista pioneiro.

A conselleira recalcou que o papel da Fundación nos últimos 40 anos logrou mudar o panorama social, polo que “a Galicia de hoxe non se pode entender sen o papel de Érguete”. Nesta liña, sinalou que os obxectivos “que naquel entón impulsaron esta entidade” son os mesmos que mantén a Xunta de Galicia: unha sociedade máis xusta, igualitaria, coas mesmas oportunidades para todos e que combate as inxustizas.

Durante a súa intervención, Fabiola García tamén dedicou unhas palabras a Carmen Avendaño, a nai que impulsou 40 anos atrás a creación deste movemento, e a quen felicitou por dedicar a súa vida a defender as causas sociais con valentía e entrega. Así, recalcou que “é un orgullo para Galicia contar con mulleres así”, que loitaron para defender a milleiros de familias, deixando tras de si “un legado de solidariedade e un territorio máis xusto e humano”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2025