López Campos destaca o lecer tecnolóxico como unha “oportunidade de desenvolvemento para a mocidade”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude comparte xornada cos participantes na XGN Intermax, a ‘lanparty’ galega apoiada pola Xunta con 863 inscritos este ano

O encontro, centrado nesta 25ª edición na intelixencia artificial, propón no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, un 40 % máis de actividades que no 2024

Destaca esta cita coa tecnoloxía como “un espazo para formarse, aprender e medrar nun eido cun gran futuro”

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, compartiu tempo hoxe cos participantes na segunda xornada da XGN Intermax IA Edition, a ‘lanparty’ galega apoiada pola Xunta que reúne desde o venres e ata o domingo 863 mozos e mozas, un 8 % máis que o ano pasado, na Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Trátase dun encontro ao que o representante do Goberno galego se referiu como “unha grande oportunidade de desenvolvemento para a mocidade, que atopa neste espazo de intercambio un lugar para formarse, aprender e medrar nun eido cun gran futuro”. Neste senso, puntualizou, “desde a Xunta seguimos moi de cerca as novas formas de lecer, como son as baseadas nas tecnoloxías, xa que supoñen unha canle para que a xuventude potencie o seu talento”.

Do mesmo xeito, López Campos, fixo referencia ao eido dixital como un “dos puntos claves onde poñemos o foco, por exemplo, no impulso da lingua, con medidas destinadas a fomentar a presenza do galego neste ámbito”. Así, apuntou, “este ano é especialmente importante o encontro, xa que está centrado na Intelixencia Artificial, unha ferramenta que, ben usada, pode ofrecernos moitas vías de conexión coa mocidade a través do entretemento e a formación”.

Cómpre destacar que nesta edición, que coincide co 25º aniversario da XGN Intermax, aumentouse nun 40 % as actividades do seu programa con conferencias, obradoiros, xogos, torneo de videoxogos ou competicións de arte dixital, entre outras. A estas propostas, algunhas para persoas inscritas e outras de libre acceso, úneselle unha área expositiva para o público xeral que conta coa presenza de varias empresas centradas na Intelixencia Artificial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2025