A Xunta convoca máis de 1,8 M€ para programas sociais de xuventude e voluntariado
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da orde durante unha visita á Residencia Familiar Cidade Xardín, xestionada por Dignidad Galicia
Esta convocatoria ten un orzamento que supera os 1,8 M€ e mantén o seu prazo de solicitudes aberto ata o 17 de agosto
Ferrol, 27 de xullo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta esta mañá da nova convocatoria de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á xuventude e ao voluntariado con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e do imposto de sociedades. Fíxoo durante unha visita á Residencia Familiar Cidade Xardín, xestionada por Dignidad Galicia, entidade beneficiaria o pasado ano desta orde.
Segundo explicou a delegada, esta convocatoria, aberta a solicitudes ata o 17 de agosto, conta cun orzamento de máis de 1,8 M€. Esta conta con catro liñas de actuación, estando a primeira dedicada ás accións destinadas á xuventude e a segunda ás destinadas ao voluntariado. Pola súa parte, as liñas terceira e cuarta servirán para financiar proxectos de investimento por parte de entidades xuvenís ou de acción voluntaria respectivamente. Aneiros sinalou tamén que os beneficiarios destas subvencións poderán recibir axudas que van dende os 5.000 euros ata os 30.000 euros.
No caso específico de Dignidade Galicia, foron máis de 8.000 euros os recibidos. Estes foron destinados á adquisición dunha furgoneta coa que realizan traballos como o reparto de medicinas e alimentos, ademáis de servir como transporte para as familias vulnerables que necesitan realizar diferentes xestións.
Aneiros felicitou á a asociación sen ánimo de lucro polo seu traballo social durante décadas a través de diferentes iniciativas, como as súas tendas benéficas ou o programa de infancia. A representante autonómica salientou tamén o apoio da Xunta á actividade social, que calificou como “piar da nosa sociedade”, e destacou que estas achegas “permitiron a execución nos últimos anos de importantes programas na nosa comunidade”.
A Residencia Familiar Cidade Xardín
Esta é unha das dúas Casas de familia que Dignidad Galicia xestiona na provincia de A Coruña ao abeiro do seu programa para a infancia. Nestes espazos, integrados na rede de centros concertados da Xunta, a asociación brinda servizos de alimentación, aloxamento, roupa, lecer e tempo libre, ademais de fomentar a participación normalizada nos diferentes recursos do contorno (educativos, sanitarios, etc.).
Os servizos nestes centros préstanse durante todos os días do ano, cunha importante coordinación cos equipos técnicos do neno, servizos sociais, centros educativos, centros de saúde e deportivos, dependendo sempre dos diferentes ámbitos dan vida dos menores.
En concreto a Residencia Familiar Cidade Xardín xestiona 8 prazas residenciais e 4 prazas de atención diúrna para apoio técnico.