A Xunta destaca en Vigo a aposta pola mocidade como colectivo prioritario á hora de cubrir as vacantes do mercado laboral galego
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, visitou hoxe a empresa téxtil RC FIL NON-TEX, que contratou este ano unha persoa moza grazas ao programa autonómico de Primeira experiencia profesional
Dotada con máis de 8,7 M€ coa previsión de beneficiar máis de 520 persoas desempregadas, a convocatoria mantén o prazo de presentación de solicitudes aberto deica o 30 deste mes de setembro ou ata o esgotamento do crédito dispoñible
Vigo, 7 de setembro de 2026
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, animou hoxe a solicitar axudas dentro dos máis de 8,7 M€ do programa autonómico de Primeira experiencia profesional cos que se prevé beneficiar un total de 520 persoas desempregadas en toda Galicia. Así o dixo en Vigo, onde visitou a empresa RC FIL NON-TEX, dedicada aos accesorios téxtiles e aos tecidos non tecidos e que contratou este ano unha persoa moza grazas á iniciativa. Especificou que o prazo de solicitude está aberto ata o 30 deste mes de setembro ou ata o esgotamento do crédito dispoñible.
Poñendo o foco na retención do talento mozo e na cobertura de vacantes en sectores estratéxicos, o programa impulsa preferentemente a empregabilidade das persoas menores de 30 anos, podendo beneficiarse tamén as maiores desa idade no caso dos apoios destinados ao sector artesanal que se estrean este ano, dirixidos aos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En concreto, esta nova liña conta con 1 M€ co fin de lograr a inserción laboral duns 50 aprendices en oficios tradicionais.
A nivel xeral, as achegas están destinadas a incentivar contratos de prácticas ou de formación en alternancia —a tempo completo e durante 12 meses— nas empresas, centros especiais de emprego, empresas de inserción laboral e, por primeira vez, tamén nos obradoiros artesanais. O obxectivo é dotar as persoas inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia de competencias que lles permitan acceder ao mercado laboral. As axudas dan cobertura aos custos salariais dos postos de traballo, con contías que van desde preto de 10.000 aos máis de 16.600 euros.
A secretaria xeral puxo de relevo que a iniciativa facilita así un período de práctica profesional acompañado dun proceso de formación para o emprego, favorecendo que as persoas participantes conten con novas competencias para acceder a un emprego estable.