O conselleiro de Educación, acompañado pola delegada territorial da Xunta, visita o Centro Integrado de FP CIFP Ferrolterra, que supera os 1.000 alumnos

Román Rodríguez destaca o aumento da FP en Ferrol, especialmente na nova modalidade de formacións aceleradas, que acada o cheo de matrícula

Un total de 5.042 persoas da zona optan este curso por estudar Formación Profesional, o que supón un incremento do 3,6% con respecto ao pasado curso

O Ferrolterra estrea a formación acelerada en Fabricación de tubaxes e construcións e carpintaría metálica con 38 persoas matriculadas na primeira quenda

Ferrol, 10 de outubro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, subliña o crecemento da matrícula das ensinanzas de FP na comarca de Ferrol, con 5.042 persoas matriculadas, o que supón un incremento do 3,6% con respecto ao pasado curso.

Así o sinalou esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que visitou o Centro Integrado de FP Ferrolterra que, con máis de 1.000 alumnos matriculados, exerce de polo tractor destas ensinanzas na comarca xunto co CIFP Leixa e o Ucha Piñeiro. Na visita estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.

O titular de Educación do Goberno Galego destacou a boa acollida das novas modalidades de FP implantadas como experiencia piloto este ano, como son as formacións aceleradas e a FP Básica para Adultos, cuxa oferta no CIFP Ferrolterra acadou o cheo de prazas.

No caso das aceleradas, concibidas como unha formación rápida concentrada nun período de entre catro e seis meses de duración, matriculáronse un total de 38 persoas no ciclo medio de Fabricación de tubaxes e construcións e carpintaría metálica que imparte o CIFP Ferrolterra para a primeira quenda formativa que vai de setembro a xaneiro. A final de ano abrirase de novo a matrícula para a segunda quenda de formación que corresponde ao período xaneiro-xuño.

No caso da FP Básica para Adultos, concibida como unha opción formativa especificamente deseñada para favorecer a capacitación profesional e a reinserción laboral de persoas adultas que non dispoñen de títulos por abandonaren o sistema, o CIFP Ferrolterra estréase coas 20 prazas cubertas no grao básico de Mantemento de vehículos. Segundo Román Rodríguez, estas cifras de matrícula avalan a aposta da Xunta por unha Formación Profesional “á carta” e pegada aos intereses das persoas e ás necesidades do tecido socioprodutivo.

Aulas de tecnoloxía

O conselleiro de Educación subliñou tamén a aposta pola tecnificación formativa con infraestruturas axeitadas e equipamentos innovadores, onde o CIFP Ferrolterra é un referente con catro aulas de tecnoloxía aplicada, unha delas nova este curso. Trátase do espazo tecnolóxico de dixitalización e produción enrede de carpintaría e mobiliario, un taller dixital de carpintaría orientado á industria 4.0.

As outras tres son o laboratorio de dixitalización 3D, fabricación aditiva e control de calidade, unha aula 5.0 para automatización, deseño e implementación dixital que permite a formación práctica en fabricación intelixente e robótica colaborativa e a aula Tera para a formación en enerxías renovables, dixitalización e tratamento de auga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2025