A Xunta reúnese cos novos responsables do clúster da biomasa de Galicia e destaca o seu papel no desenvolvemento sostible e competitivo do sector
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2025
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, mantivo esta mañá un encontro coa nova directiva do Clúster da Biomasa de Galicia. Nomeadamente co seu presidente, Rubén Mosquera Rodríguez, e a vicepresidenta María Vázquez García, aos que ademais de darlles a benvida, aproveitou para trasladarlles a máxima disposición do Goberno galego a colaborar en todos cantos proxectos e iniciativas leven a cabo para impulsar o crecemento do sector.
Neste contexto, Fernández Ríos destacou papel que está a desenvolver o clúster no fomento da sustentabilidade e competitividade da industria da biomasa dentro da cadea de valor do sector forestal-madeira a través da modernización industrial, o impulso á innovación e á cooperación, a expansión a mercados internacionais ou o fomento do talento e a investigación, entre outras accións.
O Clúster da Biomasa de Galicia aglutina a preto de 30 entidades do sector entre empresas, colexios profesionais e universidades. A súa colaboración coa Xera na realización de actividades de formación e difusión, así como na elaboración de documentos estratéxicos para o sector, tamén foi obxecto de eloxios por parte do director da Xera que aproveitou finalmente para agradecer o traballo realizado pola directiva saínte.