A Xunta inicia este luns a vacinación infantil fronte á gripe coa novidade da posta en marcha dun programa piloto de vacinación intranasal nos colexios
A vacinación infantil desde os 6 meses aos 11 anos desenvolverase, de forma xeral, en todos os centros de saúde
Ademais e de forma progresiva, achegarase a vacinación voluntaria a 55 colexios para alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria
A Consellería de Sanidade xa enviou os primeiros SMS con citas para vacinarse no centro de saúde, que non serán precisas no caso das familias que acepten participar no programa piloto escolar
O obxectivo é acadar unha cobertura do 70 % dos nenos nados entre 2014 e 2022 nos centros educativos seleccionados
En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación
A vacina por vía intranasal será administrada por profesionais de enfermería das sete áreas sanitarias que se desprazarán aos colexios participantes
Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2025
A Xunta dá comezo este luns 13 de outubro á campaña de vacinación infantil fronte á gripe que este ano, e de xeito pioneiro, inclúe aos nenos e nenas desde os 6 meses ata os 11 anos (nados desde o 1 de xaneiro de 2014 en adiante), o que supón aproximadamente 215.000 persoas.
Ademais, realizarase un programa piloto de vacinación antigripal por vía intranasal en 55 centros educativos que busca chegar a 19.000 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos.
Para isto, xa foron enviados os primeiros SMS con citas para vacinarse no respectivo centro de saúde ou consultorio, que non serán precisas no caso das familias que acepten participar no programa piloto escolar que promoven as Consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidade e FP para consolidar a posición dianteira que ten Galicia en materia de saúde pública.
Desta forma, nos colexios seleccionados facilitarase a vacinación de forma voluntaria aos alumnos de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria. O obxectivo é acadar unha cobertura do 70 % entre os nados entre 2014 e 2022, é dicir entre 3 e 11 anos, matriculados nos centros incluídos no programa piloto.
En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.
Tal e como se lle explicou ás familias en reunións previas ao inicio do programa piloto, a vacinación será realizada nos centros por equipos de enfermería das áreas sanitarias. Empregarase a vacina intranasal, cunha maior aceptación e facilidade de administración ao evitar a picada.
As familias deberán asinar o consentimento para a vacinación do seu fillo e entregala no centro. Antes de proceder á inmunización, os equipos de enfermería recompilarán a información sobre a historia clínica dos rapaces autorizados a recibir a vacina intranasal fronte á gripe.
A finalidade última, de acordo coa campaña xeral de inmunización fronte á gripe, é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas deste virus na poboación infantil, tentando minimizar o impacto na saúde deles mesmos, das súas familias e de toda a poboación, mediante a prevención coa rotura da cadea de transmisión.
55 centros escolares seleccionados e planificación da campaña
O piloto realizarase nun total de 55 centros, seleccionados para acadar unha representatividade dos estratos urbanos, semiurbanos e rurais das catro provincias, que se fará de xeito programado desde o 13 de outubro en adiante.
En concreto, 9 centros pertencen á área sanitaria da Coruña e Cee; 2 á área sanitaria de Ferrol; 9 á area sanitaria de Lugo, Monforte de Lemos e A Mariña; 10 á área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 6 da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés; 8 da área sanitaria de Vigo; e 11 da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
Os centros educativos seleccionados da área sanitaria da Coruña e Cee son: CEIP Eusebio da Guarda, CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cerviño, CEIP Raquel Camacho e CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña); CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha); CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos); CEIP Fogar (Carballo); CPR Plurilingüe Andaina (Culleredo); e CPR Plurilingüe Hijas de Cristo Rey (Oleiros).
Na área sanitaria de Ferrol os centros educativos participantes no programa son o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, ambos no concello de Ferrol.
Os colexios pertencentes á área sanitaria de Lugo, Monforte de Lemos e A Mariña son: CEIP Plurilingüe Vista Alegre (Burela); CPI Plurilingüe Virxe do Monte (Cospeito); CPI Plurilingüe Dr. López Suárez (Friol); CEIP Plurilingüe Lagostelle (Guitiriz); CEIP Luís Pimentel e CPR Plurilingüe San José (Lugo); CPR Plurilingüe Nuestra Señora de la Asunción (Sarria); EEI Vilalba (Vilalba); e CPR Plurilingüe Landro (Viveiro).
Os centros seleccionados na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras son: CPR Pablo VI Fátima (A Rúa); CPI Plurilingüe Antonio Faílde (Coles); CPI Terras de Maside (Maside); CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón (O Carballiño); CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar); CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense); CPR Plurilingüe María Inmaculada (Verín); e CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés os centros escolares que participan no programa piloto son: CPR Sonrisas y Lágrimas (A Illa de Arousa); CEIP San Tomé (Cambados); CEIP A Xunqueira II e EEI Concepción Crespo Rivas (Pontevedra); e CEIP Plurilingüe Arealonga e CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa).
Na área sanitaria de Vigo os colexios escollidos son: CRA María Zambrano (O Rosal); CPR Plurilingüe Lar (Mos); CRA Raíña Aragonta (Salceda de Caselas); CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño); e CEIP Plurilingüe García Barbón, CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, CPR Plurilingüe Santiago Apóstol e EEI Vila Laura (Vigo).
Por último, na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza os colexios participantes no programa piloto de vacinación nos centros escolares son: CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes (A Estrada); EEI do Milladoiro (Ames); CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario (Arzúa); CEIP Xesús Golmar (Lalín); CEIP Plurilingüe O Coto (Negreira); CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Ordes); CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso); CPR Plurilingüe Nosa Señora Inmaculada (Santa Comba); CEIP das Fontiñas e CPR Plurilingüe La Salle (Santiago de Compostela); e CPR Plurilingüe María Inmaculada (Silleda).
Inicio da vacinación de persoas inmobilizadas
Este luns tamén está previsto o inicio da vacinación de persoas inmobilizadas de calquera idade e de quen exerza principalmente o seu coidado.
A partir do 20 de outubro, citarase a persoas de máis de 70 a vacinarse no seu centro de atención primaria e abrirase tamén a campaña para persoal sanitario e persoas en situación de inmunodepresión.