Turismo de Galicia intensifica o seu plan de promoción internacional poñendo o foco nos mercados americano, europeo e asiático
Durante outubro, xornalistas e turoperadores realizan viaxes de familiarización para coñecer o Camiño de Santiago e os principais recursos turísticos
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2025
O Camiño de Santiago e o destino Galicia segue a espertar o interese en mercados estratéxicos americanos, europeos e asiáticos. Turismo de Galicia continúa este mes de outubro co desenvolvemento de sete accións promocionais dirixidas a xornalistas, influencers e turoperadores, incluídas no seu Plan de promoción para dar a coñecer o Camiño de Santiago e os recursos turísticos deste destino sostible e de calidade. A Xunta inviste nesta planificación anual 13M€.
Así, en colaboración coa Oficina Española de Turismo (OET) dos Anxeles, un grupo de tres xornalistas dixitais están a realizar unha viaxe de familiarización para coñecer o Camiño Francés. Tamén coñecerán a ruta Mozárabe-Vía da Prata e a cidade de Santiago de Compostela do 12 ao 19 de outubro, tres xornalistas e un representante da OET de Nova York. Precisamente, Estados Unidos é o primeiro mercado internacional en número de peregrinos; ata o que vai de ano, xa percorreron o Camiño un total de 38.478 estadounidenses.
O mesmo 19 de outubro, tres xornalistas xaponeses, en colaboración coa OET de Tokio tamén percorrerán distintos tramos do Camiño de Santiago. Ata o momento, máis de 1.300 xaponeses fixeron o Camiño este 2025 pero esta é unha opción que valoran especialmente dado o vínculo de irmandamento co Camiño Kumano, tamén recoñecida Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Un día despois, o 20 de outubro, será un turoperador alemán o que visite Galicia para coñecer as potencialidades do destino. Posteriormente, do 27 ao 31 de outubro, seis representantes de compañías navieiras realizarán unha viaxe de familiarización en colaboración coas Autoridade Portuarias de A Coruña e Vigo. Estas dúas cidades son as principais receptoras dun turismo de cruceiros que cada tempada gaña máis pasaxeiros. De xaneiro a xullo deste ano, un total de 424.061 viaxeiros chegaron en distintos cruceiros dos que case o 60% chegaron ao da Coruña e o 38% ao de Vigo.
Finalmente, Turismo de Galicia está a participar no Festival do Viaxeiro 2025 que se celebra na cidade polaca de Wejherowo, en colaboración coa OET de Varsovia. Polonia é o país europeo, xunto con Portugal, que máis está a desenvolver o Camiño de Santiago no seu territorio. No que levamos de ano, 7.661 peregrinos polacos recolleron a Compostela, o que supón un incremento do 9% con respecto ao ano anterior.