A Xunta financia con preto de 30.000 euros a recuperación e embelecemento de cinco glorietas do paseo litoral da praia da Madalena, en Cabanas

 A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá o resultado dos traballos que está a acometer o Concello grazas a unha subvención da Axencia de Turismo de Galicia

A convocatoria destinada a concellos de ata 10.000 habitantes, contou este ano cun orzamento de 2 M€

Cabanas (A Coruña), 13 de outubro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cabanas, Fernando Couce, supervisou esta mañá os traballos de recuperación, embelecemento e tratamento paisaxístico do paseo litoral da praia da Madalena que o Concello está a executar cunha achega autonómica para a mellora de infraestruturas turísticas.

Os traballos, que contan cunha axuda da Axencia de Turismo de Galicia de preto de 30.000 euros, consisten na recuperación e tratamento paisaxístico do trazado deste percorrido litoral, empregando as rotondas como elementos ornamentais vertebradores do paseo da Madalena. Así, acondicionaranse cinco rotondas deste paseo, dotando dúas de iluminación tipo LED con control de cor. En todas elas contémplase a formación de xeometrías, co reposición de bordes desmontados e tres tipos de áridos de distintas cores co fin de dotar dunha iconografía recoñecible estes elementos urbanos, realzando en maior grao tanto a glorieta inicial como a última, nas que se representan o mar e a imaxe da praia da Madalena, símbolo do municipio.

O Concello de Cabanas é o único beneficiario este ano no ámbito territorial da Delegación das axudas a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas infraestruturas turísticas, cuxo obxectivo é o de “fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”, indicou a delegada.

Esta orde de axudas, dotada este ano dun orzamento de 2 M€, subvenciona actuacións de embelecemento nos accesos a recursos turísticos dos Concellos, que poderán incluír a recuperación e tratamento paisaxístico da contorna, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rutas e outros elementos de intereses turísticos; adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes; actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural; actuacións de posta en valor turístico e sinalizacións dos recursos  e actuacións de mellora da accesibilidade dos mesmos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2025