A Xunta aproba o proxecto de trazado do desdobramento do treito Nadela-A Pobra de San Xiao, que concluirá a autovía que unirá Lugo e Sarria

Rueda enmarca esta medida no gran esforzo do Executivo autonómico en materia de infraestruturas viarias e salienta que esta vía dará servizo a 100.000 veciños

Destaca que a intervención suporá un investimento de 37,4 M € e permitirá actuar no treito de 13,5 quilómetros do corredor Nadela-Sarria, que se inicia na glorieta de Nadela e finaliza no enlace da Pobra de San Xiao, xa en servizo desde novembro do 2022

Estase a supervisar xa o proxecto construtivo para licitar as obras canto antes e poder inicialas en 2026

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou esta mañá de que o Consello aprobou hoxe definitivamente o proxecto de trazado para culminar a transformación do corredor Nadela- Sarria nunha vía de alta capacidade. Deste xeito, salientou, quedará rematada a autovía entre Lugo e Sarria “que da servizo no eixo que atravesa a aproximadamente 100.000 veciños e veciñas”.

Unha medida que se enmarca, segundo resaltou, no intenso traballo e esforzo en materia de construción e mellora das estradas que está a realizar o Executivo autonómico e que permitiu rescatar no 2024 catro autovías autonómicas coas que a Xunta aforra 30 millóns ao ano en peaxes en sombra “que se están dedicando a novas infraestruturas”.

En concreto, o Consello deu luz verde ao proxecto e o estudo de impacto ambiental do treito Nadela-A Pobra de San Xiao, ao seu paso polos concellos de Lugo, O Corgo e O Páramo, que suporá un investimento de 37,4M €.

Trátase da conversión en autovía do último treito do corredor Nadela-Sarria (CG-2.2) para completar o desdobramento. Cómpre lembrar que a primeira fase dos traballos de desdobramento do corredor en autovía —un total de 9,7 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria— se abriu ao tráfico en novembro do ano 2022, tras investir 25 M €.

Neste caso, o treito terá unha lonxitude de 13,5 quilómetros, e iniciase na glorieta de Nadela e finaliza no enlace da Pobra de San Xiao, xa en servizo, posibilitando concluír a autovía que conectará a capital lucense con Sarria.

A nova calzada proxéctase paralela á existente sobre a marxe esquerda CG-2.2, en sentido Lugo. A orixe do trazado localízase na glorieta de Nadela de titularidade estatal, a que tamén conecta as autovías A-6 e A-54, e as estradas N-VI, LU-11 e LU-546.

Entre as intervencións singulares proxectadas ao longo do trazado definido destacan os enlaces do Corgo (no punto quilométrico 5+200) e de Maceda (quilómetro 10+500), xa preparados para a sección de autovía, e un cruzamento de vía baixo a autovía A-54 (quilómetro 0+300).

 O trazado inclúe a execución de dous viadutos paralelos aos existentes (o do río Chamoso e o do Neira), a ampliación de 13 pasos superiores existentes e a prolongación de 7 pasos inferiores.

Tamén se prevén 11 obras de drenaxe transversal, a execución de dous muros de contención con noiro de desmonte no primeiro quilómetro do trazado, e os correspondentes axustes para o correcto enlace entre o treito finalizado e o novo.

Este novo paso para culminar a conversión do corredor Nadela-Sarria nunha vía de alta capacidade, que se denomina AG-22, permitirá acurtar o tempo de viaxe e adiantar sen risco, debido a que contará con dúas calzadas con dous carrís cada unha. Neste sentido, tal e como lembrou o presidente, unha área de 100.000 persoas beneficiarase desta vía que estará limitada a 120 km/h, ademais dos transportistas que a utilicen para as súas viaxes de traballo.

A aprobación definitiva deste proxecto no Consello da Xunta comporta tamén a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos 80 predios necesarios para executar esta intervención.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está xa a supervisar o proxecto construtivo, para licitar as obras en canto se aprobe e iniciar a súa execución no 2026. As obras contan cun prazo de execución de 30 meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2025