A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe con representantes desta compañía do sector naval
A Xunta inicia con Gabadi a rolda de reunións coas empresas interesadas en participar na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo
Con esta xuntanza o Goberno galego dá comezo ao proceso de análise das 78 propostas recibidas no diálogo estratéxico coa industria
O obxectivo é coñecer os proxectos de investimento en Galicia das empresas e validar o interese do sector nos instrumentos planificados na Iniciativa
A Xunta prevé publicar a finais do 2025 a primeira convocatoria de licitación que definirá que empresas e centros tecnolóxicos van traballar en programas conxuntos de investimento coa Administración autonómica nos vindeiros cinco anos no marco desta estratexia
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe nunha reunión de traballo con representantes da empresa Gabadi, un encontro co que a Xunta de Galicia inicia a rolda de contactos coas empresas interesadas en participar na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aerospazo (IESDA).
Con esta xuntanza o Goberno galego dá comezo ao proceso de análise das 78 propostas recibidas no diálogo estratéxico coa industria, entre as que figura a do Grupo Gabadi, unha empresa de Narón do sector naval con máis de 35 anos de experiencia. Esta rolda de reunións prolongarase ao longo das vindeiras semanas.
O diálogo estratéxico é un instrumento innovador promovido pola Xunta de Galicia, pioneiro en España, que ten por obxectivo coñecer as necesidades concretas e proxectos de investimento a curto, medio e longo prazo das empresas que forman o sector en Galicia, para aliñar os instrumentos de financiamento da Iniciativa coas demandas da industria.
No proceso de análise que se iniciou hoxe identificaranse proxectos de investimento e de desenvolvemento que poidan ser financiados cos instrumentos de apoio definidos na Iniciativa Estratéxica.
Os resultados deste proceso recolleranse nun documento de conclusións que se presentará á industria e que servirá de base para axeitar os instrumentos de apoio e investimento que a Xunta ten planificado para impulsar en Galicia unha industria de seguridade, defensa e aeroespazo.
O Goberno galego prevé publicar a finais do 2025 a primeira convocatoria de licitación que definirá que empresas e centros tecnolóxicos van traballar en programas conxuntos de investimento coa Xunta de Galicia nos vindeiros cinco anos na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo.