M. Allegue aborda co alcalde de Lugo a mellora da rúa Serra de Meira, na que se estima un investimento de máis de 900.000€
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas amosou o compromiso da Xunta con esta actuación do Plan Paradai e presentou ao rexedor a proposta de convenio para a súa execución
A urbanización da rúa Serra de Meira prevé a mellora e ampliación do viario no treito entre as glorietas de Serra de Meira e da avenida Adolfo Súarez, coa pavimentación da calzada, execución de novas beirarrúas, pavimentación das sendas peonís, xardinería e instalación de mobiliario urbano e renovación dos servizos municipais
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo esta tarde unha reunión de traballo co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, para abordar a actuación de mellora da rúa Serra de Meira.
Allegue amosou o compromiso da Xunta con esta actuación, enmarcada nas intervencións do Plan Paradai, e presentou ao rexedor a proposta de convenio para a súa execución, cun investimento que se estima en máis de 937.000€.
A nova urbanización da rúa Serra de Meira consistirá na mellora e ampliación do devandito viario no treito comprendido entre as glorietas de Serra de Meira e da avenida Adolfo Súarez, a través de varias intervencións, entre elas a pavimentación da calzada, execución de novas beirarrúas, pavimentación das sendas peonís, xardinería, instalación de mobiliario urbano e renovación dos servizos municipais.
Prevese tamén a reposición e mellora dos servizos urbanos de saneamento (con separación das augas pluviais e residuais), abastecemento de auga, telefonía, electricidade e alumeado público, así como a renovación da sinalización vertical e marcas viarias.
Nadela-Sarria
Allegue lembrou ao alcalde o compromiso da Xunta coas infraestruturas na provincia lucense e referiuse á aprobación esta mesma semana no Consello da Xunta do proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental do desdobramento do treito Nadela-A Pobra de San Xiao, co que se concluirá a autovía que unirá Lugo e Sarria.
A intervención suporá un investimento de 37,4M€ e permitirá actuar no treito de 13,5km do corredor Nadela-Sarria, desde a glorieta de Nadela ata o enlace da Pobra de San Xiao, xa en servizo desde novembro do 2022. Damos un paso, polo tanto, moi importante neste compromiso pola vertebración territorial, como dicía, neste caso no interior de Galicia.
A conselleira lembrou que con esta aprobación estase a cumprir a planificación deste proxecto, tal e como comprometera o presidente Alfonso Rueda na presentación desta actuación o pasado ano no concello do Páramo, na que anunciara que o obxectivo era licitar a finais do 2025 as obras e iniciar a súa execución no 2026.