A Xunta renova o convenio co Consello Galego dos Procuradores para a formación a colexiados e colexiadas e a atención a mulleres e persoas menores vítimas de violencia de xénero
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinaron co presidente do organismo o acordo, ao que o Goberno galego destina 40.000 euros, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
O convenio permitirá financiar as actividades formativas dirixidas aos profesionais da procuradoría, así como o establecemento por parte dos colexios dun servizo de representación procesual e outro de atención á cidadanía en materia procesual
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinaron hoxe co presidente do Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais, José Antonio Fandiño, a renovación do convenio para o desenvolvemento de accións de formación especializada a colexiados e colexiadas e para a atención a mulleres e persoas menores que sofren violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Tamén asistiu o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.
A través do acordo, a Xunta aboará 40.000 euros, tanto para os custos de formación como para o establecemento por parte dos colexios de procuradores dun servizo de representación procesual e un servizo de atención á cidadanía en materia procesual especialmente dirixido a estes colectivos.
As actividades formativas que se financiarán e que desenvolverá o Consello Galego dos Procuradores inclúen módulos específicos sobre menores e violencia de xénero, mulleres estranxeiras e aspectos psicolóxicos e sociais en relación coa violencia de xénero e coa trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.
Cómpre lembrar que o Goberno galego xa formalizara este ano co Consello Galego dos Procuradores outro convenio, dotado con 75.000 euros, a través do que ofrecerlles os medios adecuados para prestar a representación procesual de persoas físicas no proceso penal segundo as contías establecidas nos baremos de compensación económica previstos para as actuacións destes profesionais no ámbito da asistencia xurídica gratuíta. Trátase precisamente dun dos acordos renovados para compensar aos colexios de procuradoría polas actuacións dos seus colexiados na prestación deste servizo, establecendo o baremo e as bases de compensación económica de asistencia xurídica gratuíta destes profesionais.
Pese a que se trata dunha competencia estatal, a Xunta financia a asistencia xurídica gratuíta en favor de persoas sen recursos suficientes mediante compensacións a través dos colexios profesionais e destinou este ano 15 millóns de euros dirixidos a compensar as accións na quenda de oficio realizadas durante o último trimestre de 2024 e nos tres primeiros de 2025. Así, Galicia sitúase nos primeiros postos a nivel estatal na compensación a estes profesionais e, tras o último acordo, destaca tamén por incluír o maior número de conceptos e axilidade na tramitación da indemnización.