Valentín García coincide cos seus homólogos doutras comunidades na importancia de impulsar o uso da lingua entre a mocidade

O secretario xeral da Lingua participa na reunión da comisión de seguimento do protocolo para establecer unha estrutura de cooperación entre as comunidades autónomas don lingua propia

Os representantes de Galicia, País Vasco, Cataluña, Navarra, Comunidade Valenciana e Illas Baleares lembran a importancia de incentivar o uso das respectivas linguas na xustiza ante a implantación da nova plataforma Atenea 

Destaca “os avances na renovación do noso Plan de normalización, que contén propostas destinadas a intensificar a presenza do galego naqueles ámbitos nos que se moven os mozos e mozas"

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe en Santiago de Compostela na comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, País Vasco, Cataluña, Navarra, Comunidade Valenciana e Illas Baleares para establecer unha estrutura de cooperación entre os departamentos de política lingüística das comunidades autónomas con lingua propia.

Durante a xuntanza, expuxeron os avances nalgúns dos asuntos postos sobre a mesa na última reunión e abordaron cuestións que teñen que ver coa situación das linguas nos ámbitos non formais, especialmente no que se refire á mocidade, así como no eido económico e da xustiza. A este respecto, o responsable autonómico da Lingua lembrou que a mocidade é unha das liñas nas que se traballa ao abeiro da actualización do Plan de normalización “poñendo o foco en propostas que prestixien o galego, intensifiquen a súa presenza nos distintos ámbitos nos que se moven os mozos e mozas e impulsen o seu uso no seu tempo de lecer e espazos de socialización”.

Atención á realidade plurilingüe e protección das linguas oficiais

Ademais, os responsables en materia de lingua das comunidades autónomas con idioma oficial distinto do castelán, acordaron incidir a través da súa participación no acto de constitución do Consejo de las Lenguas Oficiales, que se celebrará en Donostia o vindeiro 3 de novembro, na necesidade de impulsar as respectivas linguas na xustiza, nomeadamente ante a implantanción da nova plataforma Atenea en substitución da actual Minerva do Goberno central.

A ese respecto recordan que precisamente o da xustiza é un dos ámbitos nos que o comité de expertos da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias sinala carencias seu informe de seguimento, para alén de noutros comúns, como o das forzas de seguridade do Estado, a educación ou a sanidade. Nese camiño, os responsables institucionais consideran prioritario que tanto nese como en todos os programas de nova implementación polo Goberno central se atenda á realidade plurilingüe do Estado e á protección e promoción do uso das linguas oficiais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2025