Román Rodríguez anima ao Goberno central a imitar as medidas de atención á diversidade pioneiras de Galicia
O conselleiro de Educación demanda a convocatoria urxente da Conferencia de Educación para abordar os cambios organizativos que quere impoñer o Goberno central
Reitera no Parlamento o “máximo compromiso” coa inclusión educativa como un elemento central da acción de goberno da Xunta
Tamén dá conta da evolución da FP como unha opción formativa de primeira orde grazas ao prestixio e a confianza nestas ensinanzas
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anima ao Goberno central a imitar as medidas de atención á diversidade que Galicia aplica de maneira pioneira desde o pasado curso, como é o caso da ponderación do alumnado con necesidades especiais por dous e por tres.
O titular de Educación do Goberno Galego interveu no Pleno do Parlamento onde puxo en valor o traballo de Galicia no eido da atención á diversidade e a inclusión, que van “moi por diante” das últimas propostas que vén de lanzar o Goberno do Estado. De aí que o emprace a seguir a senda da Comunidade galega neste eido que, desde o curso pasado, foi a primeira que pondera o alumnado que presenta necesidades educativas especiais e, en caso de superar a ratio máxima na aula, os centros reciben unha dotación de profesorado extra para, dentro da súa autonomía, facer co-docencia ou desdobres.
Neste sentido, o conselleiro vén de enviar unha carta á ministra de Educación onde lle traslada a necesidade dunha convocatoria urxente da Conferencia de Educación para abordar canto antes os cambios organizativos que quere impoñer o Goberno central e que alteran a estrutura e o funcionamento dos centros escolares. Cómpre sinalar que non é a primeira vez que os Gobernos autonómicos teñen que asumir os custes económicos, organizativos e de xestión derivados de decisións adoptadas sen a súa participación e sen ter en conta as singularidades do seu territorio.
Román Rodríguez subliñou o “máximo compromiso” da Xunta coa atención á diversidade e a inclusión como un elemento central da acción de goberno que reforza con normativa específica, protocolos, ferramentas e formación e recursos.
A este respecto, puxo en valor o traballo desenvolvido ata o momento e destacou o labor e compromiso de todas as persoas implicadas. Grazas a este traballo, Galicia conta co ensino máis inclusivo de España co 93% do alumnado con necesidades especiais matriculado en centros ordinarios (a media estatal é do 85%), grazas a unha rede de máis de 5.000 persoas dedicadas á atención á diversidade, o que supón o dobre que hai 15 anos. Ademais, o sistema educativo galego ten unha das maiores capacidades de detección destas necesidades.
No eido da inclusión cómpre tamén poñer en valor iniciativas novas e pioneiras que se están desenvolvendo ao abeiro da Estratexia de inclusión educativa, como son os ciclos de FP Básica Adaptada, programas de acompañamento, itinerarios formativos adaptados ao alumnado en risco de abandono escolar temperá ou a mellora da formación docente.
A evolución da FP
Por outra parte, en resposta a outra pregunta dos grupos, o conselleiro referiuse ás máis de 71.000 persoas matriculadas este ano na FP, o que supón un novo récord de estudantes que optan por estas ensinanzas como unha opción formativa preferente.
Román Rodríguez subliñou que esta evolución, cun crecemento en todas as modalidades e en practicamente todo o territorio, é froito dun intenso traballo por parte da Xunta na última década na que a FP galega logrou “prestixio” entre a cidadanía, “confianza” por parte das 15.000 empresas colaboradoras e “utilidade” tal e como abalan as taxas de empregabilidade que se sitúan por riba do 85% en xeral e que acadan o 100% na FP Dual.
O titular de Educación do Goberno galego recalcou tamén que unha parte importante do avance da FP galega débese a “marcos normativos avanzados e políticas planificadas e estables, que é “xusto o contrario” do que está a facer o Goberno do Estado. Como exemplo disto citou a Lei estatal de Formación Profesional “que non aportou nada novo ao que existían posto que Galicia contaba cun marco normativo moi avanzado”.
Así pois, a Xunta vai seguir reforzando unha FP “á carta”, pegada ao territorio e que dea resposta ás necesidades das persoas e dos sectores produtivos. Así mesmo, vanse seguir reforzando os lazos co tecido socioeconómico con accións como o Selo Empresa Comprometida coa FP Dual ou o emprendemento industrial mediante o Plan Innova FP Galicia. Non en balde, e grazas a este impulso, vense de presentar a primeira patente do xurdida dun proxecto do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros.