Valoracións positivas tras un mes de funcionamento do Simus de Cerdedo-Cotobade
Pontevedra, 17 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, asistiu esta mañá, xunto ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e aos técnicos da delegación, á reunión do comité de seguimento do Simus de Cerdedo-Cotobade.
Os asistentes valoraron o primeiro mes dende a súa implantación que discorreu de forma regular e que foi posible grazas a un investimento conxunto entre a Xunta e o concello de Cerdedo-Cotobade.
Neste sentido, o delegado destacou a importancia dunha boa comunicación entre institucións e lembrou que a administración pública “está sempre disposta a escoitar aos alcaldes e alcaldesas para buscar novas formas de colaboración que revertan nunha mellora na calidade de vida dos galegos e galegas”.
Pola súa banda, Cubela valorou “moi positivamente” a posta en funcionamento deste servizo que está a ter un papel fundamental na mellora da mobilidade do alumnado entre o concello e os centros escolares da Xunqueira e aproveitou a reunión para traballar na reorganización dos horarios que facilite a atención do público xeral.