Xunta e Amicos avanzan no impulso da restauración da biodiversidade e o fomento da cultura mariñeira na ría de Arousa
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2025
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo un encontro de traballo esta semana con representantes da asociación Amicos para avanzar no desenvolvemento do convenio asinado en agosto, e que ten como obxectivo impulsar a restauración da biodiversidade e o fomento da cultura mariñeira na ría de Arousa. Neste senso, no transcurso do encontro, analizaron as accións previstas, e que inclúen a aplicación de boas prácticas, a través da inclusión, relacionadas coa conservación dos recursos pesqueiros e marisqueiros.
Este acordo forma parte da iniciativa Arousa-Lab, pertencente ao proxecto matriz Atlantic Arctic Agora (A-AAGORA), que busca poñer en valor accións orientadas a incrementar a sensibilización local arredor de solucións baseadas na natureza que contribúan a mellorar o estado ambiental das rías e a protección ecosistémica. Son medidas entendidas como xeitos de protexer e manter os recursos do sector pesqueiro e marisqueiro, e defender as artes de pesca que contribúen á sustentabilidade dos recursos locais. Así, ademais destas accións, realizaranse outras de sensibilización con axentes sociais, escolas e outras asociacións sobre a biodiversidade, abordando os residuos mariños e a protección dos ecosistemas dunais asociados ao Parque Nacional Illas Atlánticas e/ou Parque Natural de Corrubedo.